Gondomar cambia a LED 150 puntos de luz

O goberno local de Gondomar traballa na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas en todas as parroquias nas que continúa substituíndo o uso de lámpadas con elementos halóxenos por leds nunha clara aposta pola eficiencia enerxética.

A última actuación desenvolveuse entre os puntos de luz situados na estrada desde Areíña, na parroquia de Vilaza, ata o centro urbano. En total ata o momento substituíronse máis de 150, un traballo que “seguiremos desenvolvendo en todas as parroquias ata chegar a cada esquina do termo municipal”, afirmou o alcalde Paco Ferreira.

Lembrou que estas actuacións enmárcanse nas políticas do goberno que apostan de forma decidida pola eficiencia enerxética. Os cambios realizados ata o momento permitirán un aforro no consumo eléctrico do alumeado público de ata un 70 %.

Ademais desta última actuación xa se substituíron por led os puntos de iluminación pública en distintos puntos das parroquias de Vincios, Mañufe ou Morgadáns.