“A dous meses do comezo do curso, a Consellería de Educación non garante a saúde dos nosos fillos”

Dende o pasado 16 de marzo, no que a Xunta de Galicia determinou cancelar as clases en todos os niveis educativos, até a recente finalización do pasado curso escolar, a comunidade escolar vive unha situación excepcional polo motivo de alarma sanitaria derivada da Covid-19. A ANPA Balcaxia do IES Primeiro de Marzo de Baiona, entendendo que a cuestión sanitaria era o realmente importante e sendo conscientes da dificultade dos docentes para realizar o seu traballo, mantívose ao marxe durante este tempo a pesares de que o máis prexudicado foi o alumnado, que deixou de recibir a educación lectiva pertinente e axeitada.

“Cabe recoñecer o apoio a este manifesto e o interese e preocupación da Dirección do centro, que se tivo que auto-organizar para rematar o curso do mellor xeito posible por culpa da despreocupación e desinterese da Consellería de Educación e do Xefe Territorial, que nin tan sequera contestaron ás peticións escritas realizadas pola propia Dirección”, lamentan desde a ANPA.

Estamos a dous meses do inicio do curso escolar e os centro de ensino non recibiron ningún tipo de protocolo ou directriz nin do calendario escolar, nin da adecuación do centro, nin das pautas docentes, nin da xestión do alumnado, nin do referido ao transporte… “unha deficiente xestión por parte da Xunta de Galicia, que está a converter a despreocupación e desinterese manifestada até agora nunha grave responsabilidade na que está en xogo a saúde das nosas fillas e dos nosos fillos”.

“Esta é unha problemática común a todos os demais centros de ensino do noso Concello, dos cales e despois de comunicar con todas as demais asociacións, queremos especificar e agradecer o apoio recibido por parte do ANPA do EEI O Areal. Polo tanto, vémonos na obriga de manifestarnos cunha solicitude formal por parte da ANPA a que se resolvan estas graves deficiencias, pola defensa do ensino público, da educación e da saúde das nosas fillas e nosos fillos valorando, chegando o caso de non ser resoltas, realizar accións de protesta ou negativas ao comezo do vindeiro curso”, advirten.

“Por todo este grave desleixo por parte da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, e por responsabilidade como ANPA, indignación como membros da comunidade escolar e preocupación como nais e pais, esiximos un protocolo de seguridade hixiénico-sanitaria para as aulas, o centro de ensino e o transporte escolar para o vindeiro curso escolar 2020-21 para garantir a saúde de toda a comunidade escolar”, conclúen.