Baiona mantén o calendario de visitas guiadas gratuítas

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Turismo que dirixe Carlos Gómez, organiza como vén sendo habitual visitas guiadas gratuítas durante o verán.

O calendario de visitas comezará o próximo 15 de xullo cunha visita guiada polo casco histórico que se repetirá os mércores e sábados ás 11:00 horas. A duración estimada é de 1 hora e media.

Os días 16 e 30 de xullo e 13 e 27 de agosto realizarase o roteiro guiado polo tramo do Camiño Portugués da Costa, comprendido entre o centro de Baiona e a ponte románica da Ramallosa. Esta saída será ás 10:00 horas e terá unha duración estimada de 2 horas e media.

As visitas se levarán a cabo seguindo as medidas de prevención necesarias. O número de asistentes será reducido polo que é necesaria a inscrición previa na oficina de turismo (no correo electrónico: oficinadeturismo@baiona.gal, ou por teléfono no 986 68 70 67: de luns a venres, de 8:00 a 14:00 horas).

O punto de encontro para ambas as dúas visitas, tras a confirmación de praza, será o palco do Parque da Palma. Os e as asistentes deberán acudir obrigatoriamente con máscara, manter a distancia de seguridade con outras persoas e acollerse en todo momento ás indicacións da guía.

Ambas as dúas visitas serán guiadas por unha Guía Oficial habilitada pola Xunta de Galicia, como vén sendo habitual, e formada en materia de prevención de riscos laborais ante a COVID- 19.