Baiona inicia os traballos de limpeza dos contedores de lixo

O Concello de Baiona deu comezo aos traballos de limpeza dos contedores de lixo coa dobre intención de que presenten un mellor aspecto visual e, ao mesmo tempo, teñan unhas mellores condicións de hixiene, imprescindibles nesta nova normalidade.

Os plans iniciais do Goberno local tiñan prevista esta limpeza para datas anteriores pero, como en case que todas as actividades habituais e rutineiras dun concello, a crise da COVID-19 fixo preciso un cambio na programación destas tarefas para destinar todos os recursos posibles ás necesidades da veciñanza durante o estado de alarma.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, salientou a importancia que o seu Goberno lle dá a todo o relativo á limpeza que por deixamento dos anteriores gobernos, fai que agora o municipio “non estea á altura das necesidades dos nosos veciños e veciñas e incluso das necesidades que debe ter un concello que é un referente turístico internacional”.