Mar de Ons ofrecerá viaxes ás Illas Cíes desde o porto de Baiona desde este mércores

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A partir deste mércores 1 de xullo, Navieira Mar de Ons inclúe Baiona como porto de orixe para viaxar ás Illas Cíes, sumándose así aos de Cangas e Vigo con viaxes todos os días ata o final da tempada. Para Silvia Torres, responsable comercial de Navieira Mar de Ons “o Parque Nacional das Illas Atlánticas vai converterse no destino estrela deste verán, así como as diferentes localidades das Rías Baixas polo que poder conectar Baiona coas Illas Cíes en barco convértese nun excelente plan tanto para os visitantes locais como foráneos que queiran gozar dun día de praia, de facer roteiros de sendeirismo ou simplemente pasear e gozar ao aire libre”.

A partir do 1 de xullo os viaxeiros poderán contar coas seguintes saídas desde o porto de Baiona: 09:30, 10:40, 12:15, 16:00 e 18:00 horas. O regreso realizarase ás 13:00, 16:50 e 19:00 horas. A navieira tamén ofrece saídas desde o porto de Cangas ás 10:15, 12:00, 15:00 e 18:15 horas e desde o porto de Vigo ás 10:45, 12:30, 15:30 e 17:45 horas.

Desde que o pasado 20 de xuño retomásense as viaxes ao Parque Nacional, despois de varios meses en Estado de Alarma, cabe sinalar que están a ter unha gran acollida principalmente pola amplitude das Illas, a limitación de visitas, e, por suposto, a beleza deste paradisíaco destino en plena natureza.

A navieira non descarta seguir ampliando frecuencias a medida que vaia avanzando a tempada desde os seus tres portos de saída, para dar resposta á fluencia e maior demanda que se espera a partir do 15 de xullo.

Autorización para visitar as Illas Cíes e a Illa de Ons

Desde Navieira Mar de Ons lembran que tanto as Illas Cíes como a Illa de Ons, ambas as dúas pertencentes ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, teñen unha cota limitada de visitas ao día de 1.800 e 1.300 respectivamente. Para poder visitalas é necesario retirar antes na Central de Reservas da Xunta de Galicia a autorización correspondente necesaria tanto para desembarcar como para adquirir o billete de barco. A navieira lembra que este paso é previo á compra do billete e unha vez obtida tense dúas horas para completar a compra do billete de transporte. As autorizacións pódense tramitar con 45 días de antelación.

Os prezos dos billetes para viaxar ás Illas Cíes mediante reserva online ou chamando ao teléfono 986 22 52 72 durante o mes de xullo e agosto é de 18,50 € os adultos (ida e volta) e como sempre a navieira pon en marcha a promoción especial para familias. Con esta promoción o prezo do billete online dos nenos menores de 12 anos é gratuíto.

Desde Navieira Mar de Ons adoptáronse todas as medidas de seguridade e hixiene a bordo das embarcacións para garantir a saúde de viaxeiros e traballadores. Incrementáronse os labores de limpeza e desinfección a bordo dos barcos. E lembran o uso obrigatorio de máscaras a bordo.

Anuncios