Un operativo de máis de 75 persoas controlará que as praias de Nigrán permanezan pechadas en San Xoán

O Concello de Nigrán dispoñerá desde ás 12:00 horas de mañá dun amplo dispositivo de vixilancia para evitar calquera posible celebración do San Xoán nas súas praias. Un total de 30 axentes da Garda Civil, 22 da Policía Local, 23 voluntarios de Protección Civil, unha patrulla do Servizo Marítimo e outra do Seprona integrarán este operativo que inclúe o desaloxo de todos os areais do municipio (tamén calas) desde as 21:00 horas de mañá ata as 8:00 do propio día 24. A pasada semana o Concello lanzou a campaña #VemonosNoSanXoan2021 para concienciar á cidadanía da imposibilidade de acudir a festexalo á praia de Panxón, polo que a previsión é que apenas se desprace xente con este propósito pero, por precaución e responsabilidade, establecerase este dispositivo.

Así, desde as 12:00 horas de mañá axentes da Policía Local e de Protección Civil vixiarán que non acudan persoas ás praias do municipio con palas ou material para facer fogueiras ou botellón e, durante todo o día, informarán por megafonía de que ás 21:00 horas se procederá a desaloxar e precintar todos os areais impedindo o acceso ata ás 8:00 horas do 24 de xuño. Durante a noite todas as forzas e corpos de seguridade controlarán que non se realicen festexos nas praias e, precisamente, co obxectivo de facilitar esta vixilancia, o ecosistema dunar de Praia América-Panxón será iluminado como de costume nesta data con potentes focos. Os operarios municipais e unha brigada de Cespa estarán mobilizados na mañá do 24 por se fose preciso requirir o seu servizo de limpeza.

“Paciencia, Cariño e Calma, o San Xoán regresará no 2021 se entre todos tomamos todas as precaución que agora hai que tomar, actuemos con conciencia social e sentido da responsabilidade cumprindo as normas sanitarias como ata agora fixemos”, subliña o alcalde, Juan González, quen invita este ano a festexar San Xoán en familia, de feito, o Concello rexistrou finalmente 15 petición de fogueiras, todas elas particulares.

Sesión Vermú

O Concello, ante a situación excepcional deste ano, ofrece unha programación alternativa de San Xoán con actividades divulgativas como un roteiro para a identificación das tradicionais herbas aromáticas na tarde de mañá en Camos e un concerto da Banda de Música de Vincios o propio 24 no peirao de Panxón. Así, a banda sairá as 12:00 horas do Porto Pesqueiro para percorrer as rúas Mariñeiro ou Jesús Espinosa e, posteriormente, realizar un concerto ás 13:00 horas no inicio do Paseo Marítimo (ao carón do porto pesqueiro). Esta actuación encádrase no programa municipal “Música nas Parroquias” que ofrece unha actuación en sesión vermú na festividade de cada parroquia de Nigrán, xa que na maioría dos casos nin haberá verbena por mor das circunstancias sanitarias.