
A pandemia fixo que a cooperativa “Aloumiños de papel”, constituída por 19 alumnos e alumnas de 6ºB de primaria do CPI de Cova Terreña dentro do proxecto DepoEmprende na Escola, da Deputación de Pontevedra, non puidera ter o mercado con todas as cooperativas no mes de maio para seguir vendendo os produtos artesanais que fixeron (libretas, chaveiros, pulseiras, colgantes, etc) con materiais ecolóxicos e sostibles.
Despois de levar varias semanas de confinamento decidiron seguir facendo cousas da cooperativa, traballando telemáticamente, como tantas empresas. Neste tempo, cada un dende a súa casa pero todos e todas xuntos/as no contacto diario que tiñan grazas á plataforma E-Dixgal, fixeron moitas actividades: elaboraron fichas-rexistro dos produtos, redactaron correos e incluso crearon un blog para vender “en liña” os seus produtos. “Foi moi emocionante”, destaca a súa presidenta, Carolina Vázquez.
Estes días tocou facer contas para pechar a actividade económica, e están moi, moi contentos de poder doar un total de 928 €.
“O 60% das nosas ganancias é para dúas causas benéficas: 464 € para Ayuda al Mundo Necesitado de Baiona e 464 € á protectora de animais Bai.Senpulgas. Estamos agradecidos ao señor alcalde, ao concelleiro de Educación e Emprego, e á concelleira de Cultura por interesarse por este proxecto e darnos a oportunidade de participar no Real Mercado da Arribada. Nel fixemos boas vendas”, afirma Carolina.
A entrega de doazóns a estas dúas entidades do municipio realizarase en setembro, cando as medidas de seguridade e hixiene permitan estar a todos os socios e socias presentes nese acto. “Será emocionante poder xuntarnos para esta boa causa”. O 40% restante dos beneficios repartirano entre eles. “Ía ser para a excursión de fin de curso pero o Covid-19 tamén estragou iso. Recibiremos a nosa parte tamén o vindeiro curso”.