Javier Losada agradece o servizo da Armada a Galicia durante a vixencia do estado de alarma

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, agradeceu o papel da Armada na Comunidade galega dentro da Operación Balmis de loita contra a expansión do coronavirus. Así llo trasladou esta mañá persoalmente ao máximo responsable do Arsenal Militar de Ferrol, o vicealmirante Antonio Duelo e ao Xeneral Comandante da FUPRO, Xeneral de Brigada de Infantería de Mariña Carlos Pérez-Urruti. Durante a xornada gardouse un minuto de silencio en memoria das vítimas da pandemia.

Acompañado da subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, o delegado do Goberno repasou as actuacións que desenvolveron durante a vixencia do estado de alarma e nas que chegaron a participar todas as Unidades da Forza de Protección da Armada. Javier Losada significou que esta mobilización permitiu responder a cada unha das demandas solicitadas en materia de seguridade, apoio loxístico e apoio sanitario “onde fixese falta e no momento xusto”.

No que respecta á vixilancia, foi fundamental o traballo da Forza de Protección da Armada (FUPRO), cuxo labor habitual é proporcionar seguridade física ás unidades da Armada. Na Operación Balmis puxeron os seus efectivos ao servizo da sociedade civil despregando patrullas de policía naval en coordinación coas policías nacional, local e Garda Civil. O seu traballo foi o de apoiar na vixilancia das medidas de confinamento. O total deste traballo ascende a 134 actuacións de presenza en 47 concellos, con especial actuación na comarca de Ferrol.

En canto ao apoio loxístico, a Infantería de Mariña púxose ao dispor de institucións e concellos para desenvolver actividades de distribución de alimentos, traslado de cidadáns e outras. O delegado do Goberno quixo destacar o seu traballo para habilitar na Casa do Mar de Ferrol un albergue provisional para persoas sen teito.

Por último, no apoio sanitario, persoal de catro recintos militares recibiron formación para efectuar tarefas de limpeza e desinfección en exteriores de instalacións e servizos públicos. En concreto, efectivos das escolas Antonio de Escaño e da Graña, da 31ª Escuadrilla de Escoltas e do Arsenal Militar afrontaron estas tarefas, que se desenvolveron en colaboración cos concellos e que sumaron un total de 23 xornadas.

O delegado do Goberno reiterou que “nesta crise sanitaria as Forzas Armadas puxéronse ao dispor da sociedade española e a galega dando o mellor de si mesmas: a súa experiencia, profesionalidade e capacidade de entrega ao servizo dos cidadáns”, “e todo cun obxectivo único: contribuír a salvar vidas”.

O traballo das Forzas Armadas e o do resto do sector público, apuntou o delegado, é exemplo da importancia de ter un Estado forte, con recursos e capacidade de resposta unida ante crise de gran magnitude como a pandemia do coronavirus.

Anuncios