Máis de 70 escolares desde os últimos cursos de primaria ata bacharelato de diferentes colexios e asociacións de Vigo e os seus arredores, participarán no III Encontro de Debate Escolar que se celebrará o próximo 18, 19 e 20 de xuño baixo o respaldo do colexio Castro British School que, un ano máis, aposta pola oratoria e o debate como ferramenta fundamental na formación dos seus alumnos.
Nesta terceira edición, a principal novidade é, sen dúbida, que se celebrará en modalidade online “permitíndonos seguir explorando e gozando novas formas de debater á vez que se garante a seguridade de todos os participantes”, tal e como afirma desde a organización a presidenta de CODE, Silvia Lobato.
Seguindo a liña da educación británica, o III Encontro de Debate Escolar desenvolverase baixo o formato de British Parliament (BP), unha das modalidades de competición de debate máis empregadas a nivel mundial. A particularidade deste modelo é que os temas para debater non se anuncian con anterioridade, senón que se coñecen no mesmo momento en que se desenvolve a competición, deixando aos participantes 15 minutos para preparar a postura que lles toca defender.
O torneo desenvolverase en tres xornadas, o xoves 18, venres 19 e sábado 20 de xuño, e nel participarán 24 equipos en dúas categorías, en función da idade e experiencia dos participantes. O Castro British School, Colexio Estudio, Colexio Ángel de la Guarda, Colexio Carmelitas, Escola Rosalía de Castro, Colexio Apóstolo Santiago, Inventiva Asociación e Club de Debate Wedu, son algunhas das entidades ás que representarán os equipos participantes.
O Encontro, organizado pola asociación Club de Oratoria e Debate (CODE) e patrocinado polo colexio O Castro British School e Wedu Sociedad&Educación, conta coa colaboración da asociación Retórica da Universidade de Vigo, que exercerá de xurado, xunto a Iván Olmos Ferreiro, Subcampión do Mundo de Debate en español.
Pola súa banda, a fundadora do colexio, Mari Carmen Vázquez, agradece poder apoiar esta magnífica iniciativa por terceiro ano consecutivo. “Como colexio británico, fomentar o desenvolvemento das habilidades de argumentación e de oratoria entre o noso alumnado é un dos alicerces do noso proxecto educativo e do noso plan de estudos, polo que apoiar a celebración do Encontro de Debate Escolar é case unha obrigación”, apunta.
Un concurso de oratoria para os máis pequenos
Pero aínda hai máis novidades xa que co obxectivo de achegar a oratoria e o debate aos máis pequenos, nesta terceira edición inclúese tamén un Concurso de Discursos dirixido a nenos de 3º a 6º de primaria matriculados na actividade impulsada pola entidade colaboradora Wedu Sociedad&Educación.
En total 25 nenos e nenas participan no concurso gravando en vídeo un discurso de 1 minuto de duración baixo o tema “A miña palabra favorita”.

