O PP de Baiona propón un paquete de medidas para reactivar a economía local

O PP de Baiona presenta ao goberno local un paquete de medidas enfocadas á reactivación da economía local, tanto do sector comercial e empresarial do municipio como tamén das familias para tratar de paliar os efectos da pandemia do Covid-19. Ante a “falta de iniciativas” do tripartito (PSdeG, Bng e Nós) durante estes tres meses, os populares consideran que unha vez finalizado o estado de alarma en Galicia, é o momento das “propostas reais” e para iso presentaron hoxe na comisión informativa previa ao pleno unha batería de medidas que debaterán na sesión do próximo luns a través dunha moción na que se recolle un plan social e económico “serio” que axude a “dinamizar” a economía do municipio.

Medidas económicas

Desde o PP expoñen que o Concello subvencione unha porcentaxe das cargas económicas que teñen que asumir os comerciantes e empresarios para adaptar os seus establecementos á nova lexislación provocada polo Covid-19 priorizando que a empresa que execute as obras sexa da localidade. Estes cambios poden ser tanto de carácter estrutural como de incorporación doutras tecnoloxías que substitúan ao hábito manual para previr ao máximo os contaxios e conseguir locais libres de Covid-19.

En canto a contratación de traballadores, os populares expoñen axudas para os negocios e empresas de Baiona que contraten a persoas residentes no municipio. Neste sentido, propoñen por beneficiario ata 450 euros para contratacións de tres meses e de 900 euros para altas de seis ou máis meses.

Medidas fiscais

Bonificacións de ata o 90 por cento en taxas por ocupación de dominio público a empresas de construción con razón social en Baiona no que resta de ano 2020 e o mesmo porcentaxe e durante o mesmo tempo para a taxa por escaparates. En canto ao lixo, propoñen ao tripartito que bonifique o 100% da contía correspondente ao terceiro trimestre (un 25% do total anual) a aqueles negocios que se viron obrigados a estar pechados durante os últimos tres meses. Pola súa banda, aqueles considerados de primeira necesidade e que permaneceron abertos durante todo o estado de alarma que xustifiquen unha diminución dos seus ingresos do 75 por cento poderán obter unha bonificación do 50 por cento.

Medidas sociais

Os populares tamén propoñen partidas orzamentarias cunha contía suficiente para “asegurar a conectividade dos escolares” do municipio mediante un plan coordinado desde as concellerías de Servizos Sociais, Educación e os centros educativos da localidade.

En materia de vivenda, instan o tripartito a adxudicar no prazo máximo dun mes as vivendas de aluguer social da parroquia de Sabarís cuxo trámite “leva medio ano de atraso”.

O grupo municipal popular considera de “vital urxencia” que o tripartito “reaccione” e active medidas de reactivación local do mesmo xeito que o están facendo a maioría dos concellos. “Vemos como os gobernos doutros municipios aproban os seus orzamentos ou os modifican adaptándoos ás consecuencias do Covid-19 mentres que o de Baiona permanece impasible”, opinan desde este partido, que durante todo o estado de alarma traballou presentando iniciativas adaptadas a cada momento. Precisamente, o pleno do próximo luns, o primeiro ordinario desde o inicio do estado de alarma fai xa tres meses, ten un único punto que é a derrogación da taxa das terrazas. Esta é unha medida proposta polo Partido Popular durante a pandemia, mentres outras foron refugadas polo tripartito sen propoñer alternativa algunha.