O PP de Gondomar critica a Ferreira por ofrecer ordenadores a dez días para rematar o curso

O Partido Popular de Gondomar acusa ao alcalde, Paco Ferreira, de aproveitarse politicamente da situación xerada polo virus do Covid-19, aplicando medidas con moito retraso e só con intención propagandística máis que para favorecer aos veciños.

Esta fin de semana o alcalde anunciou que o Concello de Gondomar ía repartir ordenadores ás familias mais desfavorecidas a unha semana de que remate o curso escolar e despois de que a Xunta de Galicia aplicase esta medida dende o 27 de marzo, “cando realmente os alumnos necesitaban estes medios para poder seguir o curso escolar, co reparto de máis de 150 ordenadores en colaboración cos colexios e institutos de Gondomar, tendo aínda existencias en caso de que algún centro necesitase máis ordenadores”, recorda Paula Bouzós.

O mesmo pasou co servizo de impresión de copias que o concello aplicou con retraso, despois de que o PP gondomareño o pedise por rexistro o pasado 2 de abril e que o concello suspendeu o 13 de maio sen ter en conta ás familias máis desfavorecidas ou aquelas que non poden desprazarse para realizar a copia das tarefas educativas dos seus fillos. Para a voceira do PP gondomareño resulta un pouco estraño tamén que agora se repartan as máscaras doadas por unha empresa local, “cousa que nos agrada enormemente, cando nas poucas xuntas de voceiros que se fixeron o alcalde sempre afirmou que o concello non ía repartir ningunha máscara”.

“Nestes intres calquera cousa podemos agardar do Sr. Ferreira, que intenta quitar rendemento político desta pandemia, faltando incluso á súa palabra como xa nos ten acostumado. Hoxe di unha cousa e mañá fai o contrario. A improvisación é a tónica dominante deste goberno con falta de iniciativas a pesar de ser o goberno con máis dedicacións na historia de Gondomar”, afirma Bouzós.

Dende que se decretou o estado de emerxencia sanitaria os concelleiros do Partido Popular puxéronse a disposición do goberno municipal para colaborar en todas aquelas tarefas que considerasen sen que ata o de agora foran chamados en ningún momento. En dous escritos presentados no rexistro do concello o 22 de marzo e o 2 de abril, o Partido Popular de Gondomar achegou ao alcalde varias medidas a aplicar durante o confinamento para mellorar e axudar no posible á situación dos veciños de Gondomar nestes duros momentos que nos toca vivir. Entre as suxestións que o PP gondomareño achegou ao alcalde están algunhas das que xa aplicou, como son: ampliar as desinfeccións, peche dos cemiterios municipais, creación dunha aplicación gratuíta das escolas deportivas e os maiores de ximnasia, posta en marcha dun servizo gratuíto para a descarga e impresión das tarefas escolares.

Tamén achegaron outra serie de accións que consideraron necesarias como a colaboración coas asociacións sen ánimo de lucro (centros culturais, clubs de fútbol, asociacións de veciños, …) que teñan locais para a súa desinfección, creación dun grupo de voluntarios para a colaboración coas persoas mais vulnerables, supresión e devolución de oficio das taxas das actividades municipais, creación dunha liña de axudas para os autónomos, devolución de oficio da parte proporcional das taxas vinculadas ás actividades económicas, aplicación dunha moratoria no pago de taxas e tributos, bonificación dos impostos do IAE e do IBI, suspensión da taxa de axuda no fogar durante a pandemia, precintado de todas as fontes públicas e pulsadores de auga potable, convenio cos taxistas de Gondomar para o servizo de axuda a persoas dependentes ou de especial vulnerabilidade ou a creación dun servizo municipal de información e asesoramento a autónomos e comerciantes sobre as axudas e medidas económicas decretadas polos organismos públicos (Deputación, Xunta de Galicia e Estado).

“O concello debería convocar o pleno ordinario de xuño, xa que non o fixo no mes de maio, para poder acordar medidas económicas e redución de impostos para os veciños e para os comerciantes que foron uns dos mais prexudicados con esta crise do coronavirus”, remata dicindo Paula Bouzós, voceira do Partido Popular de Gondomar.