Baiona e Nigrán contarán con axuda da Xunta para contratar persoal nas oficinas de turismo

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

A Xunta de Galicia notificou a 12 de concellos da provincia de Pontevedra que poderán optar ás axudas de preto de 300.000 euros que o Goberno galego viña reservando nos últimos anos para a contratación de persoal durante o verán no marco das súas habituais liñas de apoio.

Deste xeito, as axudas están dirixidas aos concellos de Poio, Mondariz-Balneario, A Guarda, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Marín, O Grove, Sanxenxo e Tui na área da Delegación da Xunta en Pontevedra. Tamén Baiona, Cangas e Nigrán, no eido da área da Delegación de Vigo.

Tendo en conta que a liña de subvencións convocada en febreiro pola Xunta de Galicia tivo que ser paralizada con motivo da crise sanitaria do COVID-19, retómase agora a través dunha nova fórmula administrativa para cooperar cos concellos que solicitaron esta axuda e reforzar o persoal das súas oficinas de turismo.

En total, en Galicia poderán beneficiarse os 53 concellos, municipios turísticos, xeodestinos ou agrupacións de concellos que o solicitaron. Cada solicitante recibirá 5.500€, o que supón un investimento total de 291.500 euros que se repartirá por toda a Comunidade, xa que 12 concellos ou entidades municipais pertencen á provincia da Coruña, 14 á de Lugo, 13 á de Ourense e 14 á de Pontevedra.

Con esta medida búscase, en liña co previsto no Plan de Reactivación do sector turístico, fomentar o emprego, así como a colaboración cos concellos a través da contratación de persoal cualificado e profesionalizado que contribúa a blindar a calidade na atención turística no territorio galego.