11 empresas optan a rematar a nova Biblioteca Municipal de Nigrán

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Construción da nova biblioteca de Nigrán.

A Deputación de Pontevedra comunicou onte oficialmente ao Concello de Nigrán a decisión aprobada no pleno do 29 de maio de prorrogar o prazo para ter rematada a nova Biblioteca Municipal ata o 31 de decembro de 2021 e non o 31 de maio acabada e o 31 de agosto de 2020 xustificada, tal e como estaba estipulado nas bases do Plan de Reequilibrio. Esta ampliación garante ao Concello manter esta subvención aprobada polo ente provincial no 2017 e que está destinada á mellora de equipamentos, servizos ou dotacións singulares para municipios de menos de 20.000 habitantes, e que en Nigrán supón que o Concello asuma o 20% do custe de construción da Biblioteca e a Deputación o 80% restante.

Precisamente, tras o parón administrativo motivado pola crise sanitaria, este martes día 9 ábrense ás 9:00 no Salón de Plenos as 11 ofertas presentadas por empresas para executar a parte restante das obras que tivo que saír novamente a concurso tras o cese da anterior adxudicataria cun orzamento base de 1.352.088 € IVE incluído (a obra orixinal fora adxudicada no 2018 en 1.060.000 de euros máis IVE e o informe técnico calcula que se executaron o 40% dos traballos).

“Estamos moi agradecidos de que a Deputación de Pontevedra aceptase a nosa petición de prórroga e que así se aprobase. Tal e como eles mesmos indican no seu acordo plenario, e como recollen todos os informes técnicos, o retraso na construción da Biblioteca de Nigrán non é imputable á debida dilixencia na execución do plan previsto.”, indica o alcalde, Juan González, en referencia ao cese da adxudicataria (co seu conseguinte parón e convocatoria de nova licitación das obras) e o posterior estado de alarma que suspendeu os trámites administrativos. “Esta ampliación danos un gran respiro porque si que poderemos cumprir”, conclúe.

Edificio bioclimático

O novo edificio exponse nunha parcela municipal (FR-5) de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio (á beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, fronte a rúa do Panasco) nun lugar facilmente accesible para a veciñanza tanto en transporte público como privado. O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que se poidan crear duplicidade de entradas, con accesos tanto dende a planta baixa como dende a primeira, o que favorece unha utilización polivalente das instalacións. Dende o punto de vista urbanístico, a construción xera unha praza cuberta que se abre á praza existente e que supón unha zona previa á entrada por planta baixa.

O proxecto contempla un edificio de catro alturas de planta irregular e cunha superficie total construída de 1.260 m2 (a actual biblioteca do Ceán ten 120 m2) e clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética (máxima categoría). Trátase, por tanto, dun edificio bioclimático que dispón das últimas tecnoloxías en instalacións para acadar esta sustentabilidade ambiental.

Cun deseño minimalista na que a fachada exponse de granito silvestre e cunha planta que se adapta á forma trapezoidal da parcela, consta de catro andares sen soto. Na planta baixa (191 m2) disponse dunha sala de usos múltiples vinculada á praza cuberta adxacente, almacén e aseos; na planta primeira (269 m2) hemeroteca, sala de ordenadores, recepción e zona de préstamo infantil e xuvenil; na segunda (272 m2) zona de préstamo para adultos e na terceira (235m2), zona de estudio que se comunica a dobre altura coa zona de préstamos do nivel inferior.

Anuncios