O PP de Baiona critica o “abandono total” dos areais

O tripartito de Baiona, formado por PSdeG, Nós e BNG, segue sen realizar as tarefas de posta a punto das praias a pesar de que os veciños levan semanas facendo uso delas e, nos próximos días, con motivo do paso da comunidade á fase 3, comezará a chegar turismo de todos os recunchos de Galicia.

O PP baionés reprocha ao Alcalde, Carlos Gómez, como máximo responsable do estado de abandono no que se atopa o municipio, que a día 5 de xuño aínda non se limparon os areais. E como exemplo desta desidia resaltan a imaxe que desprende a Praia Barbeira, considerada polo portal de viaxes TripAdvisor como a cuarta mellor de España, onde si se colocou o mobiliario público a pesar de non eliminar nin sequera as herbas da area habituais tras os meses de inverno.

Os populares advirten de que esta “inacción” do goberno local acabará pasando factura á imaxe da vila que tanto custou conseguir durante os últimos anos. “Baiona sempre foi un referente no coidado e a protección do medio ambiente e nun momento no que o turismo demanda contornas naturais e seguras para pasar os seus días de descanso, debemos de apoiarnos nese prestixio alcanzado con tanto esforzo e avalado con galardóns como o Quality Coast Award logrado en 2013 cando foi seleccionada entre máis de 1.000 candidatos”, insisten desde o grupo popular.

Os populares están “preocupados” polas consecuencias que pode provocar esta estampa de Baiona no turismo e, por tanto, no sector económico local xa “moi danado pola pandemia”. Descoidar dunha forma tan alarmante a imaxe do municipio provocará un “dano irreparable” a curto e medio prazo ata o punto de poñer en perigo estas e outras distincións. “É tamén un desprezo a todos os veciños, que pagan os seus impostos e non os ven reinvestidos no seu pobo”, expresan os populares, que instan o Alcalde a que deixe de “improvisar” nas súas actuacións e “céntrese” no importante para Baiona e os baioneses.

Anuncios