O párroco de Nigrán, Constantino Fernández, recibiu os alimentos e produtos do fogar achegados polos veciños de Nigrán a través dos comercios que participaron na campaña “Manos Azules”, posta en marcha polo Partido Popular.
Carlos Abal quere agradecer a todas as persoas que colaboraron nesta campaña, as súas achegas, “que van supoñer unha axuda moi necesaria para moitas familias de Nigrán que están a pasar nestes momentos por situacións que moitos deles non padeceran antes, debido aos efectos da pandemia”.
Os populares tamén queren agradecer e recoñecer a Cáritas o seu permanente traballo de axuda aos máis necesitados. “Grazas a eles temos a certeza que todo o achegado chegará a quen o necesite”.
“E por suposto agradecer ao comercio local de Alimentación e Fogar de Nigrán, que se implicaron desde o primeiro día, achegando e animando aos seus clientes para colaborar coa campaña Manos Azules, sen a súa colaboración e ánimo non sería posible”, conclúe Carlos Abal.
Os comercios que colaboraron son: Rosa e Michel (Panxón); Alimentación Andrés (Panxón), Supermercado Playa América (Praia América); Supermercado Marvei (Nigrán); Kopena (Camos); Carnicería José (A Ramallosa); Chévere (A Ramallosa), Chévere (Nigrán); e Bazar Costas (Panxón).
En vista de que a necesidade de axuda non só mantense, senón que desgraciadamente aumenta, o Partido Popular decidiu ampliar a campaña “Manos Azules” ao mes de xuño. Animan a todos os veciños a seguir colaborando, xa que “os que o necesitan esperan a vosa axuda, e ao mesmo tempo axudamos ao comercio local”.


