Rafa Salgueiro seguirá á fronte do Cereixa

Dise que aos poucos hai que recuperar a normalidade e desde o Coperfi Cereixa Gondomar FS comprácense anunciar a primeira renovación para a próxima tempada, que será a 29 do club, coa intención de continuar crecendo e seguir con este deporte que tanto lles gusta.

Rafael Salgueiro Troncoso seguirá á fronte do equipo de preferente co obxectivo de volver pelexar a liga. O seu gran traballo, a confianza tanto de directiva como xogadores, o compromiso e a paixón que lle pon a todo o que aborda, foron os argumentos que deixaron nun simple trámite o feito de sentar a negociar a súa continuidade.

Será a súa décima tempada no conxunto de Vincios Gondomar, e contará cun equipo ao que coñece á perfección e do que quitou o máximo rendemento ata alzarse con Liga e Copa de Autonómica Sur.

Anuncios