Gondomar levanta o precinto dos colectores de roupa usada

FOTO: POLICÍA LOCAL DE GONDOMAR // Un colector de roupa usada precintado.

O Concello de Gondomar informa que a partir deste luns, tal e como anuncia a empresa responsable, procederase a levantar o precinto aos dez colectores de recollida de roupa usada, pechados durante os últimos dous meses por mor da alerta sanitaria.

A partir de hoxe os interesados/as poderán volver a depositar neles a roupa usada (non rota) e limpa da que queiran desfacerse. Recolleranse tanto prendas de vestir como de fogar, así como zapatos ou complementos como cintos ou bolsos. Á hora de depositalas no colector deberán ir dobradas e metidas nunha bolsa.

O obxectivo final é seguir sumando ferramentas e medios para avanzar en materia de reciclaxe e medio ambiente, colaborar entre todos e todas a pechar o círculo dos produtos que empregamos no noso día, facilitando a súa reutilización posterior.