A Garda Civil requisa en Baiona preto de 40 quilos de marisco e peixe extraído de forma ilegal

A Garda Civil incautouse de preto de 40 quilos de peixe e marisco nun operativo realizado esta fin de semana en Baiona contra o furtivismo.

As actuacións levadas a cabo de forma coordinada polas Patrullas do Seprona da Garda Civil de Porriño e Vigo co obxecto de previr o furtivismo na pesca e o marisqueo, centralizáronse o pasado sábado na zona de Baiona e deron como resultado a incautación de algo máis de 15 quilos de centola e 18 quilos de peixe de distintas especies.

A primeira incautación produciuse cando o dispositivo intercepta un vehículo particular no centro urbano de Baiona, onde se interveñen algo máis de 4 quilos de centola e 17’85 quilos de peixe de distintas especies (maragota, sardo, raia, abadexo e xurelo), que circulaba sen ningún tipo de documentación, sen pasar pola lonxa. Pola súa banda, o vehículo tampouco reunía as condicións técnicas sanitarias para o transporte deste tipo de mercadoría.

Nunha actuación posterior comisáronse outros 11 quilos de centola que se localizaron depositadas nas inmediacións do recinto portuario, nun lugar onde non había ninguén ao seu cargo, resultando infrutuosas as xestións que se realizaron para localizar á persoa responsable das súas capturas.

Como resultado das incautacións, formuláronse senllas denuncias administrativas que se remitiron á Consellería do Mar da Xunta de Galicia e tanto o marisco como o peixe comisado entregouse baixo recibo nun centro social da zona.

Anuncios