Nigrán abre o luns o prazo para participar no Campamento de Verán 2020

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O Concello de Nigrán continúa adiante coa organización do Campamento de Verán 2020, destinado á conciliación da vida laboral, persoal e familiar, e que se celebrará, se as circunstancias sanitarias dese momento o permiten, do 1 de xullo ao 6 de agosto. Así, o prazo de inscrición arranca este 1 de xuño e remata o 14, estando as bases colgadas na web municipal http://www.nigran.es.

“Agardamos que o campamento se poida celebrar e por iso continuamos con todo o procedemento, pero en calquera caso estará suxeito ás medidas sanitarias que nese momento se indiquen”, sinala o alcalde, Juan González, quen engade que “de non iniciar agora este proceso, despois sería imposible celebralo por simple cuestión de prazos”.

Así, o Concello de Nigrán entende que precisamente neste ano as familias precisan máis que nunca ferramentas para conciliar tras meses na casa cos rapaces, por iso se as circunstancias o permiten, desexa organizalo. O campamento está previsto para 100 participantes con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos. Desenvolverase dende o día 1 de xullo ao día 6 de agosto nun centro educativo de Nigrán ou instalación pública, e contará con dous horarios concéntricos; un horario ordinario de 9:00 a 14:00 horas cun custe de 75,00 euros (previsto para 70 participantes) e un horario ampliado de 7:45 a 15:15 horas cun custe de 85,00 euros (previsto para 30 participantes).

Para mais información poden dirixirse ao CIM no teléfono 986 38 30 81 ou no correo electrónico cim@nigran.org ou consultar as bases na web municipal.

Anuncios