
A Policía Nacional detivo a un home de 31 anos de idade, de nacionalidade arxentina, e con domicilio en Nigrán, por un delito de Roubo con Forza. Ás 3:34 horas saltaban todas as alarmas tras avisar a central de alarmas que se acababa de cometer un roubo nun Estanco de Peinador-Os Valos e que o autor fuxira en dirección a Redondela. Varios dos indicativos da Policía Nacional que forman parte da ampliación de efectivos e servizos de Redondela, iniciaron un despregamento operativo, en colaboración coa Policía Local, para interceptar e deter ao autor.
Inmediatamente establecéronse diversos controis en diferentes puntos da estrada N-555, interceptando un deles un vehículo que circulaba a gran velocidade e que coincidía co que buscaban, polo que lle deron o alto. Lonxe de frear, o condutor realizou unha manobra evasiva e lanzou polo portelo o caixón dunha máquina rexistradora para que impactase co vehículo policial, fuxindo despois en dirección Aeroporto. Os axentes saíron tras el, iniciándose unha persecución a gran velocidade na cal o fuxido utilizaba ambos os dous carrís, así como beiravías, mostrando un total desprezo tanto pola súa vida como pola dos demais usuarios da vía, que tiñan que apartarse para evitar un accidente.
Esa tolemia de excesos culminou subitamente na estrada EP-2702 do Barrio O Campiño, cando o radiador comezou a fumear e o vehículo detívose no centro da calzada, momento en que o condutor saíu á carreira cara a unha zona boscosa. Unha dotación quedou á beira do vehículo para custodialo, comprobando que tiña a ponte feita e no seu interior había uns 130 paquetes e bolsas de tabaco, así como ferramentas e outros efectos, á vez que o resto dos indicativos realizaron unha requisa polo monte, observando pisadas nun campo próximo e vendo a un home que fuxía á carreira.
Dous axentes saíron tras el e interceptárono aos poucos metros, tras o cal procederon á súa detención e traslado a dependencias policiais, ademais de solicitar a presenza do guindastre municipal para o traslado do vehículo ás Dependencias de Policía Local de Redondela, onde quedou ao dispor de Policía Científica.
Varios antecedentes policiais anteriores
Xa en Comisaría, tomóuselle declaración ao detido e comprobouse que tiña varios antecedentes anteriores, e que lle figuraba unha Requisitoria Xudicial dun Xulgado de Instrución de Vigo. A intervención foi levada a cabo por axentes da Brigada de Seguridade Cidadá, pertencente á Comisaría de Policía Nacional de Vigo-Redondela e axentes da Policía Local de Redondela. Todo o actuado pasou ao dispor do Xulgado de Instrución de Redondela, en funcións de garda.