Convocado o proceso selectivo para 4 prazas de auxiliar de policía local de Gondomar

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria do proceso selectivo de 119 prazas de auxiliares de policía local para 26 concellos. O procedemento convócase polo trámite de urxencia, polo que todos os prazos se reducen á metade, agás os referidos á presentación de solicitudes, recursos e alegacións. A previsión é que as probas poidan celebrarse no mes de xuño.

Dáse así cumprimento ao acordo acadado no Centro de Coordinación Operativa (Cecop) fronte á covid-19, que na súa novena reunión do 16 de maio acordara iniciar os procesos selectivos de postos de auxiliares de policía local, por entender que a súa cobertura é indispensable para a protección do interese xeral.

Os concellos que convocaron prazas para esta convocatoria son A Cañiza, A Estrada, A Guarda, A Laracha, Barbadás, Bueu, Cangas, O Carballiño, Carballo, Cedeira, Gondomar, Malpica de Bergantiños, Miño, Noia, O Barco de Valdeorras, O Grove, Oleiros, Ortigueira, Ponteareas, Redondela, Rianxo, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Tomiño, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

As solicitudes poderán presentarse durante 10 días hábiles, contados a partir de mañá. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase no DOG e na páxina web da Agasp a resolución coa listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas, e abrirase un prazo de 5 días para posibles emendas.

O procedemento será o de oposición por quenda libre e incluirá a comprobación de estatura, proba de aptitude física, proba de coñecemento e proba de lingua galega para aqueles que non estean exentos.

Os aprobados poderán elixir destino -por orde de puntuación- nalgún dos concellos que convocan prazas. Ademais, deberán superar un curso de formación teórico-práctico como requisito indispensable para que se proceda á súa contratación. Aquelas persoas que non superen o procedemento pasarán a conformar unha listaxe de reserva para futuras contratacións.

Cómpre recordar que a Xunta aprobou en 2017 un decreto que permite aos concellos delegar na AGASP o proceso selectivo das categorías de auxiliares e policía local. Os concellos poden adherirse de forma voluntaria asinando un convenio e aforrar así xestións e recursos, ademais de mellorar a axilidade do proceso. A día de hoxe teñen asinado convenio coa AGASP un total de 76 concellos.

Volta á formación presencial

Cómpre recordar tamén que o próximo 1 de xuño comezará a retomarse gradualmente a formación presencial na AGASP, ao volver as aulas o alumnado do curso básico selectivo de acceso á categoría de policía local, correspondente á 12º promoción.

Cando se decretou o Estado de Alarma, o alumnado deste curso -que acababa de comezar- incorporouse de xeito extraordinario para un período de prácticas nos seus concellos de destino. Agora, a partir do 1 de xuño, volverán á formación presencial, na que se cumprirán todas as medidas hixiénico-sanitarias, coas máximas garantías. Posteriormente, do 11 de xullo ao 30 de agosto incorporaranse de novo á formación práctica nos seus concellos, con teleformación na AGASP; e, finalmente, retomarán a formación presencial na Academia do 31 de agosto ao 30 de novembro.

Ademais de enviar o alumnado aos concellos antes do previsto, a AGASP tamén puxo en marcha outras medidas para facilitar o traballo e xestión dos concellos durante a crise sanitaria. Así, abriu a súa bolsa de contratación de auxiliares a todos os concellos galegos, tiveran ou non asinado convenio coa AGASP para delegar o seu proceso selectivo. Grazas a esta fórmula, 103 postos en 38 concellos.

Concello

Número prazas auxiliares

A Cañiza

1

A Estrada

4

A Guarda

2

A Laracha

3

Barbadás

2

Bueu

8

Cangas

4

O Carballiño

6

Carballo

2

Cedeira

2

Gondomar

4

Malpica de Bergantiños

2

Miño

2

Noia

1

O Barco de Valdeorras

2

O Grove

5

Oleiros

6

Ortigueira

2

Ponteareas

6

Redondela

6

Rianxo

4

Salceda de Caselas

1

Sanxenxo

33

Tomiño

1

Vilagarcía de Arousa

8

Vilanova de Arousa

2

Total

119