A banda miñorana The Mirror presenta o videoclip do que será o single do seu primeiro disco

O grupo emerxente de rock The Mirror gravou o pasado mes de febreiro o videoclip do que será o single do seu primeiro disco. Fixérono coa participación da atleta paralímpica Desirée Vila e outros artistas e entidades do Baixo Miño. Hoxe venres 29 de maio, tras unha dura corentena para a música, preséntano en todas as súas redes sociais e plataformas.

The Mirror nace en 2018 froito da unión de varios músicos de proxectos diferentes que decidiron poñerse a traballar xuntos cun claro obxectivo: crear unha banda de temas propios con influencias do rock, funk e soul. Así, Tania Rodríguez (vocalista), Alejandro Vasconcellos (vocalista e guitarrista), Óscar Román (baterista), Gorio Álvarez (baixista) e Pablo Doallo (guitarrista), que máis tarde deixaría a banda para ser substituído por Rubén Carrera (actualmente), formaron unha banda que lles permitiría levar aos escenarios as súas propias creacións musicais. Neste breve pero intenso período de tempo empezaron a asomar a cabeza pola escena musical miñorana e viguesa, participando en festivais como o Solpor de Monteferro, o Mercado da Música da Guarda ou o Sons do Casco de Baiona, municipio onde tamén gañaron o premio á mellor canción galega de 2019 con “Nada é noso”, onde a banda abandonou as súas letras en inglés para compoñer un tema en galego reivindicando o coidado do medio ambiente e criticando os incendios masivos sucedidos en Galicia.

2020-05-28 - TheMirror_Prensa02

Seguindo con este ton reivindicativo e de loita, o tema do videoclip “Brand New Sunset” (Novo atardecer) é unha canción de rock moi potente pero tamén con certa melancolía e cunha letra que fala da superación dos máis duros obstáculos para conseguir os teus propósitos. Por todo isto, na gravación deste videoclip, The Mirror contou coa participación de Desirée Vila, coñecida atleta miñorana que como ximnasta foi campioa de Galicia e de España e que en 2015 tras unha lesión durante un adestramento e debido a unha neglixencia médica, amputóuselle a perna dereita. Tras este revés na súa vida, Desirée, lonxe de renderse, seguiu loitando día a día e actualmente proclamouse Campioa de España en atletismo adaptado e escribiu o libro “Lo único incurable son las ganas de vivir”, onde narra as súas vivencias tras o accidente.“Non podiamos imaxinar a unha actriz mellor que Desirée para contar unha historia de superación”, cóntannos os compoñentes.

A banda miñorana tamén puido contar coa colaboración e o apoio incondicional de varios artistas e entidades do Rosal e A Guarda. O videoclip foi gravado por Miguel de la Peña, de Baixo Miño Estudios, onde tamén se gravou e produciu o primeiro disco da banda, que presentarán proximamente. Outro importante colaborador do grupo desde fai algo máis dun ano é o artista británico/guardés Bruce Grinn, quen tamén conta con dous discos de rock autoeditados no mercado. Outras entidades e particulares guardeses que tamén traballaron incansablemente en toda a produción do videoclip son a fotógrafa Tamara Castro, cuxas fotos se poden ver neste artigo, a estilista Tini Taboada de Ático Estilistas e Loft Tocados e o artista visual Roberto Alonso Lago (OxidoLamps), encargado dos decorados coas súas transgresoras lámpadas feitas a man.

2020-05-28 - TheMirror_Prensa07

O videoclip do tema da banda The Mirror (o espello, en inglés) foi gravado, moi oportunamente na coñecida como Sala dos Espellos do Colexio PP. Somascos da Guarda, cedida pola directora do centro Begoña González Tato. Con este videoclip como inicio e ao que seguirá a publicación do seu primeiro disco, a banda pretende empezar a entrar no circuíto de festivais e salas galegas (cando a situación do Covid-19 permítao) para seguir crecendo como banda de temas orixinais.

“Actualmente, resulta moi difícil consagrarse como grupo de temas propios e como artista en xeral. Cremos que existe moi pouco apoio ás bandas deste tipo e se encima falamos de rock e en inglés, xa é case misión imposible. Aínda así, a nós é o estilo de música que nos inspira e permítenos transmitir as nosas ideas e emocións e non saberiamos facelo doutra forma. Contar con todas estas colaboracións e apoio foi un grandísimo privilexio e cremos que realmente, se queremos que a arte siga formando parte das nosas vidas, non nos queda outra que asociarnos entre nós e crear este tipo de redes de traballo colectivas que nos permitan levar a cabo proxectos profesionais, aquí en casa”, afirma a banda, á que se pode seguir en redes sociais (Facebook e Instagram) como @themirrormusic, plataformas onde informan de todos os seus avances neste prometedor proxecto musical.

Anuncios