Un novo protocolo permitirá a práctica do surf en Patos con todas as garantías sanitarias

O Concello de Nigrán vén de acordar coa Federación Galega de Surf un novo protocolo de seguridade para adaptar a súa práctica deportiva, concretamente a ensinanza, a todos os requirimentos sanitarios derivados do Covid-19. Este acordo afecta no municipio á praia de Patos, onde se concentran 5 escolas de surf que, durante os meses de verán, suman o 90% do total de alumnos anuais.

“Do que se trata con este protocolo é de garantir a seguridade dos bañistas e dos surfistas de xeito que as escolas de surf poidan retomar a súa actividade nos meses máis potentes do ano para garantir a súa supervivencia, xa que o peche derivado do Covid-19 supuxo un grave prexuízo económico para elas”, sinala o alcalde, Juan González. Así, as escolas retomarán as clases con menos alumnos e coordinándose entre elas para que sempre se poidan manter as distancias de seguridade.

Deste xeito, segundo a zonificación establecida da praia para a práctica de surf por parte das escolas (ocupa cada unha uns 100 metros lineais) os alumnos se verán reducidos de 80 a 60 nunha das láminas e de 100 a 60 na outra. Paralelamente, sinalizarase mediante cordas un acceso dos surfistas ao auga para que non haxa interferencias cos bañistas na entrada e saída. “Durante o ano isto non é preciso, pero no verán, máxime nesta situación, é o máis recomendable”, incide González.

“O surf é sinal de identidade de Patos e un deporte individual sen contacto, polo tanto, de baixo risco ante o Covid-19, e ofrece evidentes beneficios físicos e psicolóxicos, polo que cremos conveniente apostar pola súa continuidade”, finaliza.