A Garda Civil de Tráfico suma en Galicia 9.620 operativos durante o estado de alarma

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, apelou hoxe á responsabilidade dos automobilistas na volta ás estradas galegas durante a desescalada. “Nos últimos meses, debido ao estado de alarma, produciuse unha notable redución da mobilidade. Segundo avanzan as semanas e retómase a actividade, está a rexistrarse un incremento da densidade na circulación, e por iso é necesario chamar a atención sobre a importancia de respectar as normas de tráfico e extremar a precaución ao volante”, explicou Javier Losada tras unha reunión celebrada hoxe cos responsables do Tráfico na Comunidade.

No encontro telemático participaron a coordinadora da DXT en Galicia, Victoria Gómez; o responsable do Sector de Tráfico da Garda Civil, Francisco Javier Molano; e o xefe do Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste, Ramiro Martínez. Abordaron os cambios no tráfico desde o inicio do estado de alarma o 14 de marzo e trataron as próximas medidas.

A Comunidade suma 16 persoas falecidas no que vai de 2020, 18 menos que a estas alturas do ano pasado, cando se contabilizaban un total de 34 falecidos nos primeiros meses de 2019. Esta mellora está vinculada co importante descenso durante a alarma, con apenas 3 vítimas (1 en vías de alta capacidade e 2 en vías convencionais) fronte ás 19 do ano anterior no mesmo período (desde o 14 de marzo ata hoxe). Houbo 1 vítima na Coruña, outra en Lugo e a terceira, en Pontevedra.

“A pesar da escasa circulación temos que lamentar vítimas mortais e iso déixanos moi preocupados. Observamos unha posible velocidade excesiva nos tres accidentes, o que nos obriga a volver insistir na necesidade de respectar as indicacións de cada estrada. Tamén vemos que se mantén a proporción de máis accidentes en vías convencionais, o que nos levará a redobrar esforzos en materia de prevención. Non descansaremos mentres haxa vítimas”, subliñou Javier Losada.

Este importante descenso da sinistralidade está vinculado coa notable caída na circulación. Galicia chegou a ter unha baixada de máis do 80% na circulación, pero na actualidade a diferenza está en torno ao 40%. É dicir, as estradas galegas rexistran na actualidade un 60% do tráfico habitual.

Durante o estado de alarma, a Garda Civil de Tráfico acumulou 9.620 operativos, nos que rexistrou unha importante baixada de denuncias respecto ao comportamento das persoas que seguen na estrada. De feito, o 72% dos delitos contra a seguridade viaria rexistrados están relacionados co permiso de condución, mentres que antes da alarma, a maioría destes casos estaban vinculados ao consumo de alcol.

Con todo, ante o previsible aumento da circulación durante a desescalada, é previsible que se recuperen as tendencias anteriores. De feito, a sinistralidade segue vinculada á velocidade excesiva e concéntrase en vías convencionais. Por iso, Javier Losada avanzou que aumentarán as tarefas de prevención vinculadas ás condutas anteriores.

Os servizos de Tráfico despregaron en Galicia 15.450 sinalizacións vinculadas co estado de alarma. Entre todas, a máis empregada foi “Prohibidos viaxes non xustificadas”, con 10.822 veces, a metade en cada un dos idiomas oficiais.

Anuncios