Dende o Círculo de Podemos Nigrán recórdanlle ao Goberno Municipal que as sesións do Pleno son públicas segundo recolle a Lei 7/1985 Reguladora de Bases de Réxime Local no seu artigo 70, e o Real Decreto 2568/1986, ROF, nos seus artigos 88 e 227. Entenden que se teñan que tomar medidas de seguridade sanitaria debido ao COVID-19, pero que estas non poden servir de escusa para proceder de xeito opaco e antidemocrático por parte do grupo de goberno local.
No pleno deste luns aprobaranse os Orzamentos de 2020, e de acordo co Regulamento de participación cidadá o Concello debe fomentar a participación democrática e a transparencia nos asuntos públicos locais.
Solicitan dende o Círculo de Podemos Nigrán, que o Concello active unha canle de información para poder seguir en directo dito acto, ben por vía de algunha canle de TV local ou por streaming a través da páxina web do Concello ou calquera outra plataforma telemática que sexa axeitada, e así poñer a disposición da veciñanza de Nigrán a información dos acordos que se aproben en dito Pleno.
Por outra banda, solicitan un estudo sobre o impacto económico real das familias do Concello antes de asignar e dotar a partida orzamentaria para axudas sociais, tentado que a mesma se axuste o máximo posible ás necesidades das familias que se visen afectadas pola situación de emerxencia social e económica sobrevidas pola pandemia.
Así mesmo, requiren ao Partido Popular de Nigrán, a que fagan públicos os datos nos que se basean para solicitar a ampliación de ditas partidas, e se son en base a un estudo realizado en colaboración cos diferentes colectivos (veciñais, traballadores…) e ONGs locais ou meramente cun fin propagandístico e populista, feito sen ningunha base sólida.
E que como se aprobou no Real decreto lei 08/2020 art.3 se destine o máximo posible do superávit do exercicio anterior, si existe dito superávit enmarcado dentro do último remanente de tesourería do que se ten constancia (do ano 2018), a este tipo de medidas e se estude a viabilidade de crear unha convocatoria de axudas para persoas autónomas e PEMES da vila que visen afectada a súa actividade a raíz da situación actual, ben polo peche de negocios ou pola mingua na súa facturación durante o período do estado de alarma.

