O Grupo Pereira doa 6.000 € en alimentos conxelados ao Concello de Nigrán

O Concello de Nigrán realizou entre o xoves e o venres un novo reparto solidario de alimentos para paliar os efectos socioeconómicos do Covid-19 en 78 familias do municipio, 57 máis que antes do inicio da crise sanitaria. Novamente, o 100% dos produtos achegados foron doados altruístamente por empresas, neste caso a entrega concentrouse en 6.000 € en todo tipo de produtos conxelados procedentes do Grupo Pereira, 120 litros de leite da cafetería viguesa Maracaibo e 300 kg de patacas da Asociación de Pataqueiros de Xinzo de Limia. Por vez primeira desde o estado de alarma, ao comezar a Fase 1 que permite maior mobilidade, o reparto realizouse nas propias instalacións municipais mediante cita previa para evitar contactos e preservar a intimidade (no caso das familias sen medios para desprazarse si se achegou o lote correspondente ao domicilio; ata o de agora o propio equipo municipal de axuda ante o Covid-19 acudía semanalmente ao 100% dos fogares).

A achega realizada pola importante firma viguesa Grupo Pereira constou de conxelados a base de 52 kg de albóndegas vexetais, 10 kg de arandos, 40 kg de bocadiños de queixo, 272 pizzas, 293 kg de costeletas de año, 700 croissants, 440 empanadillas, 320 kg de peixe, 576 hoops azucrados, 32 bolsas de pan de molde, 54 caixas de lagostinos, 65 kg de alas de polo, 324 napolitanas e 4.800 boliños.

Estas doazóns súmanse ás realizadas anteriormente por “Sal y Laurel”, empresa de Nigrán dedicada á venda online a domicilio de peixe e marisco, que doou 80 kg de cabala fresca; Huevos “El Rancho” con máis de 2.000 ovos desde o inicio da crise, o colexio de Priegue Ángel de la Guarda con 2.160 briks de leite pequenos, máis de 200 kg de J.A. Blanco Patatas e mesmo doazóns en compras por valor de 1.000 € por parte da Panadería-Confitería La Flor de Nigrán ou varias anónimas por valor total duns 1.000.

“As mostras de solidariedade son infinitas e sería imposible nomear a todas as persoas e empresas que teñen colaborado. Estamos moi orgullosos do comportamento do tecido social e empresarial de Nigrán nesta grave crise sanitaria e que, desgraciadamente, conleva tamén unha grave crise económica para moitas familias que están sen ingresos”, subliña o alcalde, Juan González, quen incide que “este notable incremento obriga a revolucionar o Banco de Alimentos Municipal multiplicando as compras e, afortunadamente, multiplicándose tamén a solidariedade”.