O BNG de Gondomar anima a desconfinar o galego no Día das Letras

Diante dun novo Día das Letras Galegas, que terá lugar o vindeiro domingo día 17 e que este ano se dedica ao escritor e filólogo Ricardo Carvalho Calero, o Bloque Nacionalista Galego anima ás veciñas e veciños de Gondomar a visibilizar a lingua propia a pesar do confinamento decretado polo Estado de alarma ante a pandemia da Covid-19.

Ante a imposibilidade de participar en actos públicos ou na tradicional manifestación, o BNG convida a desconfinar o galego apoiando a campaña da plataforma Queremos Galego, da que a organización nacionalista forma parte. Queremos Galego chama a galegas e galegos a despregar este domingo a bandeira galega nas fiestras e balcóns e a petar as redes sociais para reivindicar que Galiza existe como pobo na medida en que ten unha lingua de seu e para exixir que as administracións públicas, desde a propia Xunta de Galicia e o seu presidente até os concellos, cumpran as leis que as obrigan a usar e promover o uso do galego.

Neste senso, o BNG de Gondomar insta ao goberno local a cumprir a Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística aprobada no pleno do mes de xaneiro, e vén de presentar unha batería de propostas de promoción do uso do galego. Entre elas:

– creación dun Servizo de Normalización Lingüística con dotación orzamentaria e persoal estable suficiente para desenvolver o traballo previsto na Ordenanza;

– adopción de medidas que garantan o uso do galego por parte da administración local en todas as súas comunicacións públicas;

– creación dun Consello Social da Lingua conformado por todos aqueles axentes sociais implicados na normalización e dinamización do galego;

– apoio ás iniciativas das entidades culturais que promoven a lectura e o uso da lingua galega no concello;

– adquisición por parte do Concello de literatura en galego, a comezar pola de autoría galega, nas librarías de Gondomar para distribuír nos centros de ensino e actualizar os fondos da Biblioteca Municipal, tamén como medida de apoio económico ao sector cultural galego e ao pequeno comercio local;

– acordo para instar á Xunta de Galicia e á Real Academia Galega a ampliar ao ano 2021 a dedicación do Día das Letras Galegas a Carvalho Calero, que este ano non puido ser debidamente homenaxeado polo confinamento decretado polo Estado de alarma.

“O galego leva demasiado tempo confinado”, denuncia Manuela Rodríguez Pumar, a responsable local do BNG de Gondomar. “As administracións públicas, que teñen a obriga legal de defender e promover a lingua propia, con demasiada frecuencia actúan en sentido contrario, como axentes desgaleguizadores e promotores do auto-odio que nos nega como pobo. É inadmisible, e tamén ilegal, que un presidente da Xunta ou un alcalde falen en español no exercicio do seu cargo. Esixámoslles que respecten os nosos dereitos lingüísticos. Desconfinemos o galego!”.