O Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra intensificará esta fin de semana os controis de mobilidade interprovincial. Os axentes establecerán dispositivos para o control das medidas decretadas para a xestión da crise sanitaria do COVID-19 nas principais vías de comunicación da provincia, especialmente, en puntos próximos aos límites coa Coruña e Ourense.
O obxectivo é continuar coa vixilancia efectuada durante a última semana, na que comezaron a permitirse movementos dentro da provincia, e así contribuír a evitar as condutas insolidarias dalgúns cidadáns, que pretendan efectuar desprazamentos non autorizados desde outras provincias.
As patrullas do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra compatibilizan desde o inicio da crise sanitaria do Covid-19, a vixilancia e control do tráfico coa detección de condutas non axustadas ao establecido polas autoridades sanitarias. A pesar de atoparnos nun proceso de desescalada, a vixilancia non diminuíu e reforzarase durante a fin de semana.
O pasado xoves, ás 17:15 horas, unha patrulla do Destacamento de Pontevedra, detectou circulando sen causa xustificada a dous cidadáns de Santiago de Compostela no km 0,800 da PO-531, no termo municipal de Poio. Os mesmos manifestaron aos axentes que se desprazaron a Pontevedra con intención de realizar unha visita aos seus familiares no Poboado de O Vao.
O condutor do vehículo, foi sometido ás probas de alcol e drogas, arroxando resultado positivo indiciario en drogas. De ser confirmado o feito nas analíticas que practicará o laboratorio, o condutor podería enfrontarse a unha multa de 1000 euros e a detracción de seis puntos do seu permiso. Doutra banda, ambas as dúas persoas foron denunciadas por incumprir a prohibición de efectuar desprazamentos interprovinciais sen causa xustificada.
A previsión de que a circulación asociada a desprazamentos lúdicos aumente durante a fin de semana, será polo que se prestará unha especial atención á vixilancia do cumprimento dos límites de velocidade, uso indebido do teléfono móbil; correcta utilización do cinto de seguridade e a presenza de alcol ou drogas na condución, así como a vixilancia nos denominados “roteiros moteiros”, vixiando os principais tramos de risco e concentración de accidentes.

