Maica Larriba pide a colaboración cidadá nas rúas para evitar riscos sanitarios

Esta mañá, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, mantivo unha videoconferencia co Centro de Coordinación Operativo da provincia para avaliar o cumprimento das novas medidas de desconfinamento vixentes nesta Fase 1 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. Para iso, a subdelegada do Goberno quixo avaliar a coordinación de accións cos mandos policiais de Garda Civil e Policía Nacional Provincial, xunto aos responsables dos corpos da Policía Local das principais cidades pontevedresas.

De acordo ao traballo de vixilancia e información por parte dos corpos de seguridade do Estado, Maica Larriba quixo destacar que “o comportamento da cidadanía en toda a provincia foi exemplar, respectando as franxas horarias establecidas para diversas actividades nesta fase”. Con todo, os resultados obtidos nestes primeiros días tamén advirten da actitude insolidaria dunha minoría que pon en risco a saúde do resto da poboación.

Respecto diso, a subdelegada do Goberno manifestou que “o ocorrido nalgunhas terrazas na nosa provincia, cun incumprimento das mínimas medidas sanitarias, non se pode volver repetir. Temos que ser conscientes que estas actitudes insolidarias e perigosas poden provocar un repunte do virus que nos leve de novo a un confinamento nas nosas casas”.

Por este motivo, os corpos e forzas de seguridade do Estado e as Policías Locais que ao longo destes primeiros días mantiveron unha actitude informativa, van ser contundentes contra estas actitudes non colaborativas dunha parte da sociedade da provincia. Maica Larriba quixo lembrar que a enfermidade segue aí e “aínda que poida existir unha falsa sensación de seguridade non é tal. Debemos ser conscientes e seguir respectando as directrices sanitarias que nos fixan unhas franxas horarias para algunhas actividades e ser o máis respectuosos sobre o distanciamento social e o uso de máscaras cando non se poida respectar”.

Finalmente, Larriba recoñeceu que “sei que pasamos case dous meses nunha situación nunca antes vivida no noso país e que os pontevedreses e pontevedresas cumpriron coas normas, pero a Fase 1 da desescalada non significa que superásemos a pandemia. Como nos din os especialistas, a enfermidade non estará superada ata que teñamos unha vacina”.

Por último a subdelegada subliñou que “só co compromiso individual de todos e cada un de nós superaremos unidos esta situación” e concluíu recordando una frase dita polo Delegado do Goberno en Galicia “aí que ir amodo para chegar antes”.