O Goberno prorroga o estado de alarma ata o 24 de maio

O Consello de Ministros aprobou estender o estado de alarma ata as cero horas do próximo 24 de maio, tras recibir este pasado mércores a preceptiva autorización do Congreso dos Deputados.

A portavoz do Goberno e ministra de Facenda, María Jesús Montero, detallou que esta prórroga inclúe o reforzo da cogobernanza coas comunidades autónomas para desenvolver o Plan de Transición cara a unha Nova Normalidade. As fases de desescalada sucederanse tendo en conta indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade. O inicio de cada unha delas será decidido polo ministro de Sanidade en coordinación coas comunidades autónomas, cuxos presidentes serán, ademais, os responsables da súa execución nos seus respectivos territorios.

Montero afirmou que manter o estado de alarma é fundamental para protexer a saúde da cidadanía, avanzar na contención do virus e levar a cabo a desescalada progresiva. Por iso, fixo un chamamento á responsabilidade para que se sigan respectando a distancia interpersoal e as recomendacións de protección e hixiene: “Este compromiso individual é o que realmente nos vai a axudar a que gañemos como colectivo, freemos ao virus e recuperemos de forma progresiva espazos de actividade e o noso día a día”.

Balance positivo das medidas laborais e económicas

Montero cualificou de “eficaces”, a teor dos últimos datos, as medidas postas en marcha ata o de agora para protexer a autónomos, pemes e empresas.

En concreto, 442.000 autónomos e pemes acolléronse á posibilidade de realizar un aprazamento no pago de impostos de 30.000 euros durante 6 meses, sen pagar intereses os tres primeiros. “Ata a data aprazáronse 2.440 millóns de euros”, detallou a ministra. Segundo unha enquisa do Banco de España á que se referiu a portavoz, as empresas consideran que a posibilidade de aprazar a débeda tributaria supuxo unha das medidas máis útiles na actual situación.

1,2 millóns de autónomos accederon á prestación extraordinaria por cesamento de actividade, as liñas ICO de avais inxectaron 40.000 millóns de liquidez. Pola súa banda, a facilidade para aplicar o test de forza maior beneficiou a máis de 3 millóns de traballadores.

Cooperación e unidade en España e Europa

María Jesús Montero insistiu en que toda a sociedade e todas as institucións deben involucrarse para realizar achegas e “sentar unhas bases sólidas que permitan unha recuperación xusta” unha vez superada a crise sanitaria. “Os cidadáns esperan do conxunto dos servidores públicos que deixemos ao carón reproches e diferenzas ideolóxicas para poñer o acento nos que nos une, traballar conxuntamente e sacar adiante a un país dunha situación de extrema gravidade”, dixo.

Montero tendeu a man ao conxunto de forzas políticas e expresou a súa confianza en que a Comisión para a reconstrución social e económica do noso país, constituída onte no Congreso, poida empezar “pronto a xerar propostas de presente e, sobre todo, de futuro”. A portavoz tamén destacou o papel crucial de comunidades autónomas, concellos, sindicatos e empresarios, de quen afirmou, “cónstanos o seu compromiso”.

Respecto á Unión Europea, Montero explicou que a reunión que hoxe celebra o Eurogrupo abordará algunhas das medidas propostas por España, como o Fondo de reconstrución acordado o pasado 23 de abril, e a creación dunha “tripla rede de seguridade” baseada nun seguro de desemprego dotado con 100.000 millóns, a mobilización de 200.000 millóns do Banco Europeo de Investimentos para o apoio ao tecido produtivo e o establecemento de liñas de liquidez do Mecanismo Europeo de Estabilidade para os Estados que o necesiten.

A ministra afirmou que o Goberno de España espera que o conxunto das autoridades comunitarias, desde a unidade, a cooperación e a solidariedade, “dean unha resposta contundente á maior emerxencia sanitaria en máis dun século”.