Culmina a entrega de máscaras a concellos e entidades sociais de Pontevedra

Durante esta mañá, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mantiveron unha videoconferencia para valorar o traballo realizado entre as institucións provinciais na repartición do material sanitario proporcionado a Pontevedra por parte do goberno de España. En concreto, estimouse a repartición correspondente a esta segunda fase que comezou o pasado luns coas 290.000 unidades para a súa distribución provincial. Para iso contouse coa estimable colaboración da Deputación Provincial quen foi a encargada de facer chegar máis de 57.000 máscaras aos concellos de menos de 20.000 habitantes.

A este respecto a presidenta da Deputación, Carmela Silva, quixo agradecer ao Goberno que se contase con esta administración provincial para facer chegar este material imprescindible para continuar a desescalada en todos os puntos da nosa comunidade autónoma e facilitar o acceso tanto a traballadores como á poboación vulnerable.

Pola súa banda, Maica Larriba tamén quixo agradecer “a rapidez de resposta por parte da administración provincial para facer efectiva esta distribución que demostra a necesidade de colaboración de todas as institucións para o beneficio da cidadanía, obxectivo prioritario da nosa xestión pública”.

Tanto a presidenta da Deputación como a subdelegada do Goberno subliñaron a importancia da cooperación e a lealdade entre ambas administracións así como a corresponsabilidade para facer chegar o material sanitario aos concellos máis pequenos.

Hai que lembrar que desde o pasado mes de abril, o goberno de España proporcionou á provincia de Pontevedra máis de medio millón de máscaras para a repartición en cada unha das fases nas que foi evolucionando o desconfinamento de actividades e por tanto, de maior mobilidade da poboación. Desde o 13 de abril repartíronse máscaras nos centros do transporte público, en polígonos industriais e concellos, xunto a entidades sociais e asociacións sectoriais da nosa provincia.

Nesta segunda fase a distribución comezou o pasado 4 de maio coa repartición novamente entre a poboación usuaria do transporte público, para o que se contou novamente cos corpos e forzas de seguridade do Estado, Policía Local e voluntarios de Protección Civil. A día de hoxe conclúe esta nova entrega de 57.000 unidades aos concellos máis pequenos baixo a coordinación da Deputación Provincial e outras 83.000 máscaras que chegaron ás nove localidades de máis de 20.000 habitantes e que foron distribuídas directamente pola subdelegación do Goberno.

Respecto ás entregas realizadas, Maica Larriba tamén quixo sinalar a distribución de máscaras a entidades sociais de Pontevedra como son Cruz Vermella, Cáritas de Tui e Vigo e ao Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Pontevedra (CERMI), quen será o encargado de facer chegar o material sanitario aos seus asociados como COGAMI, ONCE, ASPACE, DOWN, e FAGAL, entre outras.

Finalmente, tanto a subdelegada do Goberno como a presidenta da Deputación Provincial analizaron o compromiso coa comunidade autónoma por parte do goberno central, que proporcionou desde o inicio do estado de alarma máis de 2.200.000 máscaras, 1.800.000 luvas e 200 respiradores para UCI en diversas entregas á Xunta de Galicia.