Amplíanse os beneficiarios das axudas ao pago do aluguer

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, informou hoxe da ampliación dos beneficiarios das axudas ao pago do aluguer. Co novo baremo poderán optar a esta achega aquelas familias con ingresos de ata 2.689,2 euros, o que supón 5 veces o IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples).

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana impulsa, dentro do paquete de medidas do Goberno, a liña de avais de arrendamentos COVID-19. As persoas que poden beneficiarse destas achegas son aquelas que vivan de aluguer e os ingresos na unidade familiar non superen 5 veces o IPREM.

Poden solicitar ata 900 euros ao mes durante 6 meses, o que supón 5.400 euros. Estas cantidades, que serán reclamadas a través das entidades bancarias, serán devoltas en ata 6 anos sen intereses, aínda que é posible amplialos ata 10 se se acreditan condicións de vulnerabilidade e existe, ademais, unha posible carencia inicial de 6 meses.

A axuda deberá ser solicitada antes do 30 de setembro e deberá formalizarse antes do 31 de outubro. A solicitude debe estar acompañada por documentación que certifique a situación da persoa ou familia que queira ser beneficiaria. Tampouco haberá gastos de cancelación ou calquera tipo de amortización.

Javier Losada lembrou que nesta, como noutras medidas, o Goberno busca que aumente a liquidez para estimular o consumo durante a recuperación da nova normalidade, momento da reactivación da economía. Lembrou que o Executivo “traballa en todas as frontes para non deixar a ninguén atrás”, en referencia aos rescates sanitario, económico e social.