O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, informou hoxe do pago de 238.395.596 euros a 272.749 persoas afectadas por ERTE na Comunidade. Co recente abono realizado, é a segunda vez na historia, tras o mes pasado, en que as prestacións son pagadas antes do día 10.
Javier Losada subliñou que os ERTE vinculados ao COVID-19 serven para protexer os postos de traballo. En concreto, as persoas afectadas por estes expedientes de regulación temporal de emprego suspenden a súa actividade e perciben unha prestación estatal ata que poidan recuperala. A normativa posta en marcha polo Goberno establece, precisamente, a obrigación de manter os postos de traballo.
En concreto, as empresas que recorresen a un ERTE por forza maior por causa da COVID-19, se a partir deste luns retoman parte da súa actividade, poderán sacar do ERTE, mesmo a tempo parcial, ao persoal que necesiten. Isto facilitará a situación a moitos pequenos e medianos empresarios e a incorporación de miles de traballadores ao seu posto de traballo. O Executivo adaptou a normativa á nova situación.
En total, ata o 30 abril, son 272.749 as persoas que percibirán unha prestación en Galicia, das que 182.401 foron recoñecidas en abril, mentres que o resto corresponden á segunda metade de marzo. O importe total da nómina das 42.256 solicitudes colectivas de ERTE na Comunidade é de 238.305.596 euros, dos cales 100,6 millóns corresponden á provincia da Coruña, 88 á de Pontevedra, 26 á de Ourense e 23,7 á de Lugo.
O delegado do Goberno felicitou ao persoal do Servizo Público Estatal de Emprego (SEPE) pola eficacia demostrada para axilizar uns pagos que supoñen un esforzo sen precedente, pois coincide cun momento en que o Executivo busca que aumente a liquidez para estimular o consumo no momento de reactivación da economía. Para iso aposta por outras medidas como os 129 millóns de euros abonados ata onte a máis de 203.000 declaracións de galegas e galegos, correspondentes á Renda, e a outras como a prestación por cesamento de actividade a persoas autónomas.
O obxectivo do Goberno é “traballar en todas as frontes para non deixar a ninguén atrás”, dixo en referencia aos rescates sanitario, económico e social.

