Sin categoría

O persoal do Centro de Saúde Val Miñor agradece o apoio recibido

Todo o persoal do Centro de Saúde Val Miñor elaborou un vídeo co que queren agradecer todo o apoio recibido. A montaxe, coa canción “Vivir” de Rozalén, está dedicada aos particulares, empresas e institucións que colaboraron cos traballadores das instalacións sanitarias situadas na Xunqueira, con comida, bebida, máscaras…

“Desde o Centro de Saúde Val Miñor, nesta difícil etapa, unha vez máis comprobamos que a saúde é cousa de todos. Grazas polo voso esforzo e apoio dende a casa. Unidos conseguímolo. Grazas por coidarnos!!!”, destacan no vídeo. “Moitas grazas a vós e polos que xa non están”.

O Centro de Saúde Val Miñor centraliza a atención a pacientes respiratorios con sospeita COVID-19 para pacientes de Baiona, Gondomar e Panxón, co obxectivo de ofrecer unha atención máis eficaz e resolutiva á cidadanía, xa que conta con características máis axeitadas (salas de maiores dimensións, posibilidade de diferenciar circuítos, salas de espera máis grandes, etcétera) ao tempo que inténtase protexer e preservar a saúde dos equipos de profesionais fronte ao coronavirus.

Os centros de referencia para o COVID-19 contan cun espazo de atención diferenciado para os pacientes con patoloxía respiratoria e cun encargado dos Equipos de Protección Individual (EPI’s) que coordina a dispoñibilidade permanente destes equipos -necesarios para a atención deste tipo de pacientes-, que se utilizan conforme ao protocolo do Servizo de Medicina Preventiva da área.

🎥 VIDEO: O persoal do Centro de Saúde Val Miñor agradece o apoio recibido.

Publicado por Valmiñortv.com – O diario dixital de Baiona, Gondomar e Nigrán en Miércoles, 6 de mayo de 2020