A Garda Civil realizou máis dun centenar de probas de alcol e drogas durante a ponte do 1º de maio

Con motivo do dispositivo especial que se estableceu a pasada fin de semana para controlar os desprazamentos que se poderían realizar durante a ponte do 1º de maio, os efectivos da Agrupación de Tráfico da Garda Civil realizaron algo máis dun centenar de probas de alcol e drogas na rede viaria da provincia de Pontevedra.

No marco deste dispositivo de seguridade viaria que tiña a dobre finalidade, por unha lado, controlar o cumprimento das restricións de mobilidade impostas polo confinamento do Covid-19 e por outro, poñer fóra de circulación a aqueles condutores que beberan ou consumira alcol e/ou drogas, os efectivos do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, realizaron un total de 116 probas para vixiar o consumo de substancias psicoactivas, detectando 11 condutores que deron positivo en alcol e 9 en drogas.

Alcoholemias

Realizáronse 107 probas de detección de alcol e detectáronse 11 condutores que deron resultado positivo. Deles, 9 foron denunciados por vía administrativa e os 2 restantes por vía xudicial, por superar a taxa establecida de 0,60 mg/l., en aire inspirado.

Entre os condutores interceptados con alcoholemia positiva sobresaen os dous casos que pasaron a taxa establecida de 0,60 mg/l., en aire inspirado, nos que se procedeu á inmobilización dos vehículos.

Un deles sucedeu o sábado, día 2, sobre as 19:30 horas, cando unha patrulla do Destacamento de Tráfico de Vilaboa intercepta no quilómetro 6,500 da PO-551, no tramo de Marín a Rande, a un veciño de Bueu, con evidentes síntomas de conducir baixo a influencia de bebidas alcohólicas. As probas confirmaron as sospeitas e o condutor arroxou senllos resultados positivos con taxas de 0,94 e 0,98 mg/l.

O segundo caso rexistrouse a madrugada do domingo ao luns, á altura do Km. 46,700 da estrada PO-552, no termo municipal do Porriño. Nesta ocasión, efectivos do Destacamento de Tráfico do Porriño interceptaron a un mozo veciño da Guarda cunha alcoholemia positiva de 0,90 e 0,82 mg/l. que, ademais, arroxou resultado indiciario na proba de drogas.

En ambos os dous casos, os Equipos de Atestados e Informes instruíron dilixencias que se remitiron aos Xulgados de Instrución de garda de Marín e Tui respectivamente. Tamén se confeccionaron denuncias administrativas por quebrantar o confinamento establecido tras a declaración do estado de alarma, xa que non se acreditaron causas xustificadas dos desprazamentos.

Drogas

No marco do mesmo dispositivo, tamén se detectaron a 9 condutores que arroxaron resultados positivos indiciarios no consumo de estupefacientes, todos eles pendentes de validar polo informe do laboratorio.

Reitérase, unha vez máis, que a lei prohibe conducir con presenza de drogas no organismo do condutor, quedando excluídas as substancias que se utilicen baixo prescrición facultativa e cunha finalidade terapéutica. Esta infracción catalogada como moi grave está castigada cunha sanción de 1.000 € e a retirada de 6 puntos.

Anuncios