Repartición de máscaras no Val Miñor no primeiro día de uso obrigatorio no transporte público

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, felicitou hoxe á poboación galega pola conciencia cívica mostrada tras a repartición de máscaras en preto de 300 puntos na Comunidade. A entrega de material continuará mañá pola mañá.

Desde primeira hora de hoxe, o Goberno despregou un amplo operativo en Galicia para reforzar e dar cumprimento á medida anunciada o sábado polo presidente, Pedro Sánchez, que establece a obrigatoriedade do uso de máscaras no transporte público. O Sistema Nacional de Protección Civil, baixo a coordinación da Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias do Ministerio do Interior, está á fronte dun dispositivo que prevé a repartición, en todo o territorio estatal, de ata 6 millóns de máscaras entre hoxe e mañá.

As persoas responsables da Policía Nacional, Garda Civil, Protección Civil e as policías locais en Galicia comunicaron ao delegado do Goberno que as reparticións discorreron con normalidade, sen aglomeracións nin problemas de orde pública. Por iso, Javier Losada felicitou á poboación galega pola conciencia cívica demostrada. O Goberno foi capaz de ofrecer máscaras a aquelas persoas que o necesitaban no primeiro día de uso obrigatorio no transporte público.

As forzas e corpos de seguridade do Estado ocupáronse, ademais da repartición, de ofrecer orientación sobre o uso do material sanitario. Trátase dun novo paso prudente cara á nova normalidade que non sería posible sen a concienciación e o compromiso das persoas.

Esta medida coincide co inicio dun novo paso cara á nova normalidade no que o Goberno quere acompañar á cidadanía. Coincide coas aperturas dalgúns negocios e o incremento de mobilidade derivado das novas medidas que se irán implementando fase a fase.

No conxunto do Estado establecéronse máis de 3.500 puntos de distribución, nos principais nodos de transporte, nos que participan a Policía Nacional, incluída a unidade adscrita á Comunidade, a Garda Civil, policías locais, voluntarios de Protección Civil, voluntarios de Cruz Vermella Española, voluntarios de DYA, e policías municipais, con ata 15.000 persoas.

Respecto aos 7 millóns de máscaras que recibirán os municipios, a distribución farase coa colaboración das delegacións e subdelegacións e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), os concellos, deputacións provinciais, cabidos e consells insulares.

Doutra banda, o Goberno de España entregará, para a súa repartición, 1,5 millóns a tres entidades sociais: Cáritas, Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) e Cruz Vermella.

EN GALICIA

Por provincias, en Galicia repartiranse 344.000 máscaras na Coruña, 104.000 en Lugo, 98.000 en Ourense e 289.500 en Pontevedra. Estas unidades supoñen un novo paso no proceso de desescalada, tras a última repartición realizada polo Goberno en Galicia. En concreto, foron 602.000 máscaras as entregadas tras o permiso retribuído recuperable, que se realizou a semana do 13 de abril.

OUTRAS ENTREGAS

A entrega deste material sanitario súmase ás realizadas con anterioridade polo Goberno á Xunta. En concreto, o Executivo entregou desde o inicio do estado de alarma 3.672.494 unidades de equipamento á Comunidade. Foron 2.279.724 máscaras, 1.168.107 luvas, 148.800 test de diagnóstico rápido, 19.152 buzos, 9.538 solucións hidroalohólicas, 9.286 batas, 6.942 lentes de protección, 116 dispositivos de ventilación mecánica invasiva, 88 dispositivos de ventilación non invasivos e 30.741 unidades doutro material como calzas, mandís, cubremangas ou gorros, entre outros.

ÁREAS DE REPARTICIÓN

Na provincia da Coruña houbo repartición na Coruña, Santiago, Ferrol, Ribeira e comarca, Noia e a súa contorna, Carballo e Costa da Morte, ademais das áreas metropolitanas das tres cidades. Os puntos estiveron situados en zonas como estacións de autobús, estacións de ferrocarril, paradas de transporte urbano e interurbano, contornas portuarias e polígonos industriais e empresariais.

En Lugo as máscaras chegaron á estación de autobús da capital, os polígonos de O Ceao, As Gándaras e Louzaneta e o roteiro do transporte público que chega ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Outras localidades con repartición foron Viveiro, Ribadeo, Burela, Sarria, Vilalba, Rábade, Outeiro de Rei, Castro de Rei ou Palas de Rei, centrado en áreas industriais ou portuarias.

A provincia de Ourense viu material sanitario na súa capital nas estacións de autobús e ferrocarril, paradas de transporte público e polígonos empresariais. Tamén chegou aos polígonos de San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar, Barreiros, O Carballiño e Chorente. Outras localidades nas que houbo repartición son Barbadás, Xinzo de Limia, Celanova, O Barco ou Verín.

Por último, na provincia de Pontevedra as máscaras chegaron ás estacións de autobús e ferrocarril de Pontevedra e Vigo, ademais de aos accesos aos portos de Vigo, Marín e Vilagarcía de Arousa. Foron, tamén, a localidades como Ponteareas, Moaña, Cangas, Bueu, Mos, Porriño, Tui, A Guarda, Salvaterra, Arbo, A Cañiza, Baiona, Nigrán, Gondomar, Cambados, O Grove, A Estrada, Forcarei ou Lalín.