Sin categoría

Gondomar arranca a súa plataforma de venda online a domicilio cunha vintena de comercios

Esta fin de semana os cidadáns de Gondomar xa poderán adquirir produtos de diferentes establecementos do municipio nos seus domicilios a través da plataforma Dbarrio, á que se sumaron xa unha vintena de establecementos en apenas dous días. Este servizo arrinca como iniciativa de promoción e apoio ao sector por parte do goberno local que financiará ao 100% a cota anual.

O interese xerado foi moi amplo e os sectores que se sumaron van máis aló da restauración, abríndose así as posibilidades para os veciños de Gondomar e tamén para aqueles comercios que aínda deben permanecer coas portas pechadas. Locais de restauración como Vitrola, Pazo da Escola, hamburguesería Praza, panaderías como Penisco ou Copena, tendas como +Que xoguetes, entre outros ofrecen xa os seus produtos na plataforma e que os levan a casa gratuitamente en Gondomar e concellos limítrofes como Nigrán, Baiona, Tui ou Vigo.

Cada hora que pasa están a sumarse comercios e negocios e xa son dous os repartidores a domicilio que se deron de alta no servizo a través do Concello, “fomentando ademais da venda a xeración de emprego”, subliñou o alcalde Paco Ferreira, que insiste en que “é o momento de apoiar aos autónomos e pequeno comercio cunha aposta firme, decidida e sen complexos para salvar esta situación dramática. De non ser así, as nosas prazas e calles quedarán desertas e todos os negocios pechados en cousa de meses”, conclúe o alcalde.

O rexedor fai un chamamento aos interesados que queiran sumarse a esta iniciativa para presentar a súa solicitude (que poderán descargar na páxina www.concellodegondomar.gal) no rexistro municipal ou por sede electrónica, ou a través do correo electrónico emprego@concellodegondomar.gal.