Todos os comercios e empresas de Baiona están a pasar por unha situación nunca antes vista, nin imaxinada. Sen un horizonte claro, sen datas para a reapertura dos comercios, bares, restaurantes. Sen saber cales serán as medidas para tomar en cada un dos negocios para a súa reapertura, sen dúbida todo o sector hostaleiro será o máis prexudicado, máis aínda tendo en conta a singularidade de gran parte destes establecementos sitos no casco baionés. Por iso, para o presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona, Marcos Comesaña, nestes momentos é tan importante o estar unidos e que todo o sector busque e achegue solucións.
“O turismo e a hostalería en particular, nos primeiros meses da desescalada, terá que centrarse en ofrecer as máximas garantías e en atraer aos veciños e veciñas da nosa comarca, agora máis que nunca é importante que falemos e tomemos accións ao redor da nosa comarca, o Val Miñor. Botamos en falta que a intercomunicación entre os tres Alcaldes do Val Miñor sexa estreita e colaborativa, como ben demandaba a semana pasada o Alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, co obxectivo de marcar unhas mesmas pautas, acordadas entre todos os alcaldes miñoranos e encamiñadas a dar unha solución global en todo o val”, lamenta Comesaña.
O presidente de ACEBA lembra que Baiona sempre se caracterizou por ser un punto de referencia, dentro da nosa comarca, nos sectores turístico, gastronómico e comercial. Proba diso é que desde a Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, dentro do marco de apoio á modernización do comercio 2004-07, realizouse unha valoración da vila como núcleo comercial entre distintos concellos, co obxectivo de convertelos en centros comerciais abertos. Baiona, con 246 establecementos dedicados ao comercio, foi tomada pola Xunta como un dos referentes para levar a cabo esta iniciativa tras a realización de diferentes estudos de viabilidade.
Baixo a marca comercial “Baiona Real – Centro Comercial Aberto”, buscouse unha maior calidade en infraestruturas e servizos para os seus clientes. “O núcleo comercial da nosa vila sempre se caracterizou por unha coidada imaxe, tanto interior como exterior, unha atención directa e unha alta calidade en hostalería, lecer, restauración, comercio e servizos. Agora é momento de fortalecer e achegar solucións ao amparo do concepto de Centro Comercial Aberto en Baiona, as medidas de distanciamento social que se están expondo, farán inviable a apertura de moitos pequenos hostaleiros da zona vella, polo que propoñemos desde ACEBA alternativas para que se reconvertan en Take Away e as prazas públicas do casco, sexan terrazas comúns para todos os negocios da Real Vila, simulando o que ocorre nos centros comerciais en Portugal, por poñer un exemplo que todos coñecemos, onde os locais venden os seus produtos e as mesas da terraza son de uso común para todos eles”.
“Para poder levar a cabo esta proposta necesitamos a indubidable colaboración do Alcalde e corporación municipal, para adaptar as ordenanzas actuais, así como a xestión destas terrazas públicas. Transmitirémoslle esta e outras propostas para reactivación económica da nosa vila na próxima reunión á que sexamos convocados por parte do concello”, conclúe Marcos Comesaña.

