Sin categoría

Manifesto Miñor apoia as medidas anunciadas por Ferreira para revitalizar o comercio local

Manifesto Miñor apoia as medidas anunciadas polo goberno municipal liderado por Paco Ferreira, pois van na liña das que propuxeron hai unhas semanas. Con todo, instan ao alcalde a dialogar con todos os comerciantes do concello e con OVALMI, que é quen hoxe representa á maioría deles.

O rexedor anunciou que o Concello de Gondomar ía poñer en marcha unha serie de medidas para revitalizar o comercio local vinculadas na súa maioría coa venda, promoción, etc. on-line e as novas tecnoloxías. Dende Manifesto Miñor aplauden a iniciativa polo que pode ter de positiva para un sector clave na economía local, “e polo tanto para o futuro de moitas persoas veciñas nosas que traballan neste sector ou teñen nel o seu principal medio de vida”.

“A proposta que Manifesto Miñor presentou oficialmente a través do Rexistro Xeral do Concello hai máis de 10 días está pensada para se implantar a medio e a longo prazo, pois estamos convencidos que haberá un antes e un despois do COVID-19, tamén no xeito en como a cidadanía se vai relacionar co comercio, co traballo, co lecer, etc. Entender e analizar correctamente estes cambios, levaranos necesariamente á conclusión que as nosas compras, a obtención de recursos básicos do sector primario, os diferentes servizos, etc, van realizarse na nosa contorna máis próxima. A crise producida pola pandemia do coronavirus o único que fixo foi precipitar unha realidade imparable, e sobre todo, crear consciencia social que hai que mudar determinados estilos de vida, maiormente aqueles que nos conducían a un consumismo difícil de manter nun Planeta de recursos finitos”, sinala Antonio Araújo.

“Somos conscientes que o Sr. Alcalde non lle recoñecerá nunca, e menos publicamente, a Manifesto Miñor o traballo realizado e as propostas feitas. Tanto nos ten, o importante é que se fagan e non queden nun anuncio propagandístico máis ou nunha foto nas Redes Sociais. Pola nosa parte seguiremos traballando en positivo, polo que lle reiteramos ao Goberno Municipal a nosa disposición a colaborar na posta en marcha desta iniciativa, transformadora e de máis calado do que parece, e que precisa de moito traballo previo e sobre todo diálogo co sector”, conclúe Araújo.