Sin categoría

O PP de Nigrán propón axudas para implantar as futuras medidas hixiénicas en comercio e hostalería

Desde o Grupo do Partido Popular de Nigrán esixen ao Alcalde a convocatoria urxente dun pleno para avaliar e votar todas as propostas que poidan mitigar esta situación tanto de índole sanitaria, social e económica. Os populares valoran positivamente as accións sociais, educativas e lúdicas que se están levando a cabo desde o Concello, “pero xa é o momento de planificar e poñer en marcha canto antes iniciativas que permitan suavizar o impacto da crise provocada polo Covid-19”.

Co fin de mellorar a situación tanto sanitaria, asistencial e económica, queren propoñer algunhas medidas que se deberían poñer en marcha xa desde o Concello de Nigrán.

1. Bonificar ao 100% as taxas de terrazas do ano 2020, para eliminar o impacto das mesmas no sector da hostalería.

2. Establecer un fondo de subvencións para sufragar os custos da implantación das medidas hixiénicas que se establezan, unha vez terminado o confinamento, para todas as pemes e autónomos de Nigrán, especialmente para os sectores de hostalería e comercio que serán os máis afectados.

3. Realizar unha compra masiva de máscaras e entregalas por buzoneo ou servizo postal a todos os fogares de Nigrán. O custo de entregar 4 máscaras a cada un dos 6.000 fogares xunto co envío postal non chega a 12.000€, algo perfectamente asumible polo Concello, e pódese facer en 1 semana.

4. Devolver as plusvalías cobradas indebidamente durante o ano 2017, que restan por devolver, para que os afectados poidan dispoñer dese diñeiro que xustamente lles corresponde.

5. Dotar ás familias que non poidan sufragalo, de acceso a Internet durante polo menos 6 meses, así como a doazón ou préstamo de computadores portátiles para que os alumnos poidan seguir o curso de forma telemática.

6. Crear unha axuda social de polo menos 3 mensualidades de 400€ para aquelas familias que carecen completamente de ingresos, e non reciben ningunha prestación social, xestionándoo de forma coordinada coas ONGs que veñen prestando servizos de axuda de forma permanente no Concello.

7. Bonificar un 20% as taxas de rodaxe a todos os propietarios de vehículos do Concello, xa que durante 2 meses non o puideron utilizar apenas.

8. Bonificar un 25% nas taxas de lixo e a cota de auga de 3 meses a todas as pemes e autónomos dos sectores que minguou a súa actividade pola crise.

9. Poñer un crespón negro nas bandeiras do Concello e que estas ondeen a media-hasta, durante o período de alarma, en sinal de duelo e respecto ás miles de vítimas desta pandemia.

“En calquera caso, todas estas medidas poden ser levadas a cabo polo Concello sen maior problema, só é necesaria a determinación de levalas a cabo, en prol benestar dos veciños”, conclúen desde o PP.