A primeira Operación Quilo Online do Banco de Alimentos recada máis de 40.000 quilos de comida en 7 días

A Fundación Provincial Banco de Alimentos recadou máis de 40.000 quilos de comida durante tan só 7 días de vida da que se converteu na súa primeira Operación Quilo Online.

Ata a data, unhas 1.500 persoas compraron algunha das cestas solidarias de alimentos habitadas en http://www.bancoalimentosvigo.org sumándose así a #yoayudoalbancobueno, unha campaña liderada e impulsada por un importante grupo de rostros coñecidos como Amaro Ferreiro e Ledicia Costas, con novas adhesións como foron Xabier Fortes, Silvia Superstar, Pepe Solla ou Antonio Durán Morris, entre outros. Todos eles está a axuntar esforzos para axudar ás persoas máis vulnerables da provincia, durante o actual estado de alarma polo Covid-19.

Desde a entidade só existen palabras de agradecemento, primeiro, para esta ampla representación de vinculados á cultura e o deporte e, segundo, para o gran respaldo social que dita iniciativa dixital está a ter, sobre todo, nuns tempos complicados nos que se fai imposible poder levar a cabo recollidas de alimentos presenciais nos distintos supermercados, práctica tradicional ata o de agora.

Coas doazóns recibidas, o Banco de Alimentos xa conta cun orzamento materializado cos seus colaboradores habituais para a chegada á nave de Lavadores, en próximas semanas, duns 30.000 litros de leite, 6.000 litros de aceite e máis de 2.000 quilos de cacao, entre outros produtos básicos de primeira necesidade que conforman os lotes das cestas solidarias.

Incremento de peticións de axuda

Desde que se decretou o estado de alarma polo coronavirus, a ONG seguiu adiante co seu labor humanitario e, nas últimas semanas, están a incrementarse considerablemente a petición de axuda por parte dos colectivos sociais cos que traballa e, a través dos cales, chega ás persoas máis vulnerables.

Segundo a previsión do Banco de Alimentos, a necesidade máis próxima seguirá ascendendo nas próximas semanas e, por iso, fai un chamamento á cidadanía para seguir apoiando, na medida do posible, esta campaña virtual. A golpe de click, en https://www.bancoalimentosvigo.org/ok-on-line/, o doante poderá comprar tres tipos de cestas con alimentos por importe de 10€, 20€ e 30€, así como poderá prefixar unha cantidade de diñeiro calquera que tamén se traducirá na adquisición de comida.

O Banco de Alimentos, que acaba de cumprir 25 anos de actividade, repartiu ao redor de 1,8 millóns de quilos de alimentos durante 2019, atendendo a 20.000 persoas desfavorecidas na provincia, a través das 150 entidades homologadas coas que traballa. Desde 2014, conta con outro almacén de comida en Pontevedra.