O PP de Baiona propón adquirir máscaras para toda a veciñanza e repartilas por correo

O Grupo do Partido Popular de Baiona, tal e como fixera por escrito fai xustamente un mes, no que presentaron numerosas propostas ao Alcalde coa intención de colaborar e contribuír de forma positiva, continúa traballando co afán de seguir contribuíndo a conseguir o maior benestar posible da veciñanza. Continúan traballando en ideas e iniciativas que poden ser de gran axuda sobre todo encamiñadas a atender as necesidades económicas das empresas e das familias baionesas nesta situación que nos tocou vivir.

“Acabamos de coñecer que mañá venres celebrarase unha videoconferencia na que participará o Equipo de Goberno cos representantes das asociacións de comerciantes Ovalmi e Aceba. Nesta reunión a oposición non estamos convidados, tampouco pertencemos ao Comité de Coordinación Municipal para tratar o Covid-19, a pesares de que consideramos que seríamos de gran axuda”, lamenta Ángel Rodal.

“Dende a nosa responsabilidade construtiva e de achegas, e para minimizar ao máximo o dano social e comercial no cal estamos inmersos, o noso grupo entende que non soamente se debe apoiar ao comercio local co retraso do pago de impostos obrigatorios como IAE, IBI o IVTM, senón na totalidade de exención das taxas como a que corresponde á ocupación de terrazas ou escaparates e inclusive a totalidade do recibo do lixo, que axudará para que o sector poida compensar as grandes perdas que están a sufrir e a minimizar a taxa de desemprego”, comenta o Voceiro do Partido Popular de Baiona.

Para Rodal é o momento de proporcionar axudas encamiñadas á estabilización e futura reactivación do comercio, fomento de emprego, así como axudar a todas as familias que debido a perda de emprego están a pasar unha situación de crise económica e evitar a exclusión social.

O concelleiro populares recorda que ao longo destes meses incrementáronse as familias con necesidades económicas e por desgraza serán moitas máis nos próximos. “Dende o Grupo Municipal do Partido Popular consideramos que a partida de 3.000€ que está asignada á asociación ONG Ayuda al Mundo Necesitado e que polo momento non foi destinada en alimentos á devandita asociación, así como a partida de 20.000€ asignada para a comida dos nosos maiores e que non se poderá celebrar, poderían ser destinadas en axudas sociais, xa que ambas as dúas cantidades (23.000€) xa pertencen á partida de servizos sociais, non sendo necesario ningún acordo plenario”.

“Algunhas familias comunicáronnos que non dispoñen de internet nin de dispositivo informático para que os seus fillos poidan realizar as actividades escolares on line, para isto pódense utilizar as tablets que están aprobadas no presuposto para todos os concelleiros e que o Partido Popular e o BNG rexeitaron en favor de que se destinase a cantidade a servizos sociais , pudendo ser destinadas neste momento a este fin tan necesario”, propón Rodal.

Os populares tamén consideramos necesario que o Concello adquira máscaras para toda a veciñanza, tal como están a facer máis de vinte municipios da provincia de Pontevedra, e se repartiran por correo ou por medio de protección civil. “Débese ter en conta que no orzamento municipal están aprobadas partidas para actividades deportivas e culturais que nos próximos meses non se poderán realizar, sería conveniente valorar estas partidas e facer unha modificación de crédito, para que poidan ser destinadas en atender ás familias necesitadas, fomento de emprego, estabilización e reactivación do comercio”.

Finalmente, desde o Partido Popular de Baiona reiteran ao Alcalde o seu compromiso coa veciñanza e que máis ca nunca se debe traballar de forma conxunta. “Dende o noso grupo, agradecer a todos os veciños e veciñas a súa implicación”.