Nigrán ofrece un servizo de fotocopias e entrega a domicilio para os alumnos sen medios técnicos

O Concello de Nigrán, ante o inicio da terceira avaliación e con elo maior demanda de tarefas escolares, canaliza directamente co profesorado a realización de fotocopias e posterior entrega a domicilio para todos aqueles alumnos sen medios técnicos. Así, son os propios titores os que facilitan ao correo electrónico da Concellería de Educación os documentos que precise cada estudante en concreto indicando a dirección de entrega e un contacto telefónico para poder achegarllo persoalmente desde o Concello.

O servizo, presentado xa ás direccións de todos os centros educativos públicos de Nigrán e xa en marcha desde este luns, pretende liquidar deste xeito as carencias de cada familia e evitar as desigualdades no eido educativo. “Non queremos que as familias sen medios técnicos sexan, aínda por riba, as máis prexudicadas deste parón da ensinanza presencial, por iso garantimos que durará mentres non haxa clases presenciais”, indica o alcalde, Juan González.

A propia edil de Educación, Marina Vidal, comezou o luns pasado a realización de fotocopias e as está a entregar diariamente nos domicilios de Nigrán que os titores lle indican. Durante todo o tempo que dure o confinamento será ela quen se ocupe directamente de levar adiante o servizo.