A startup baionesa Bonos Bienestar trasládanos a diferentes balnearios sen levantarnos do sofá

A startup Bonos Bienestar, con sede no viveiro de empresas situado na Casa do Reloxo de Baiona, recorre á creatividade durante o confinamento e crea unha serie de filtros de contorna descargables na rede social Instagram. Unha iniciativa que permitirá aos seus usuarios viaxar virtualmente a spas e balnearios cos que a compañía colabora, que ao mesmo tempo poderán publicar e compartir cos seus círculos de amizades. Celso Gómez, do departamento de Operacións da entidade afincada nas instalacións de Zona Franca, explicou que o proxecto foi creado cunha dobre finalidade: por unha banda a de combater o aburrimento dos seguidores adheridos ao seu perfil oficial e por outro facer unha chiscadela ás compañías hostaleiras coas que realizan as súas actividades comerciais. “O que tratamos é que, con ton de humor, os usuarios das redes poidan ‘viaxar’ sen moverse das súas casas”, explicou.

A idea está a gozar dunha moi boa acollida entre os seus seguidores e en apenas cinco días lograron preto de dous milleiros de impresións. Polo momento están dispoñibles fondos dos circuítos termais de Talaso Atlántico, Mosteiro San Clodio, La Toja, Lobios Caldaria ou o Parador Santo Estevo, entre outros. A iniciativa permite montar imaxes en movemento sobre un fondo fixo, aínda que Gómez adiantou que están a traballar en novos escenarios aos que se lles incluirán efectos de audio e vídeo para darlle un aspecto máis realista. Os primeiros destinos virtuais dispoñibles corresponden a instalacións do territorio galego aínda que están a comezar a subir á rede emprazamentos de Asturias, Cantabria e en poucos días Portugal.

“A data de creación do primeiro filtro foi o 22 de marzo, en plena corentena, aínda que debido ás demoras nos procedementos de validación derivadas da crise do coronavirus, non obtivemos o visto e prace de Instagram ata o pasado 17 de abril”, aclarou.

Bonos Bienestar é unha empresa online especializada na venda de experiencias en hoteis, spas e balnearios baseada na cultura wellness ideada por Halbert L. Dunn en 1950, aínda que non se fixo popular ata a década dos 70. Colaboran con multitude de complexos pertencentes a grandes e pequenas cadeas, centros independentes, e teñen presenza practicamente en todo o sector do territorio nacional ademais de Portugal.