Intervidos dous cans en Gondomar tras atacar a dúas ovellas

FOTO: POLICÍA LOCAL DE GONDOMAR // A ovella que resultou morta.

Dous cans incontrolados atacaron o sábado a dúas ovellas na parroquia gondomareña de Chaín, causándolle a morte a unha e feridas graves á outra. A Policía Local de Gondomar identificou e localizou aos cans agresivos e á súa propietaria, e na tarde deste domingo interveu ditos animais para o seu traslado ao Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación Provincial de Pontevedra. “Contamos coa valiosa colaboración da Garda Civil de Gondomar e o impecable servizo dos operarios de CAAN, que aínda neste período especial manteñen a garda. Era moi importante para a Xefatura sacar estes animais da circulación en previsión de males maiores”, destacan desde a Policía Local de Gondomar.