A Garda Civil incauta 78 máscaras e 10 pantallas de protección do Covid-19

A Garda Civil investiga por un suposto delito de estafa a un veciño de Chapela (Redondela) que foi sorprendido cando presuntamente estaba a vender máscaras e pantallas de protección contra o coronavirus no centro urbano da localidade de Moaña.

A intervención produciuse durante a mañá do pasado xoves, cando os efectivos do Posto da Garda Civil de Moaña teñen noticia de que a Policía Local interceptara ao condutor dun vehículo que estaba a vender máscaras e pantallas de seguridade no centro urbano da mesma localidade.

Ao inspeccionar o maleteiro do vehículo, a Garda Civil localizou 78 máscaras e 10 pantallas de protección contra o coronavirus, sen ningún tipo de etiquetaxe nin homologación, que foron intervidas.

Ao non achegar o condutor do vehículo ningún tipo de documentación que puidese xustificar a orixe destes artigos, nin outra documentación que acreditase a legalidade da súa venda, notificóuselle a súa condición penal de investigado por suposto autor dun presunto delito de estafa.

Segundo púidose comprobar, esta persoa estivera ofrecendo as máscaras a 2 euros e as pantallas a 10, en varios establecementos de Moaña.

As dilixencias instruídas, xunto co material intervido, entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Cangas, onde deberá comparecer cando sexa citado en calidade de investigado.