Recentemente o goberno municipal tratou de resolver os problemas de aparcadoiro no centro de Nigrán contratando temporalmente solo de particulares cerca da Casa do Concello. O volume de dito contrato ascenderá aos 36.000 euros nos vindeiros catro anos, ao que haberá que sumar os custos das obras necesarias para a apertura desta zona de aparcadoiro temporal.
“Mentres, no núcleo de A Ramallosa un aparcadoiro público soterrado leva xa anos pechado por decisión unilateral da concesionaria coa complicidade do goberno municipal”, lamenta Xavier Rodríguez, Responsable Local do BNG, que reclama o inicio do correspondente expediente á empresa co fin de que, dada a súa complexidade, poida nos vindeiros meses rematar coa reapertura obrigatoria do aparcadoiro ou, en caso contrario, co rescate da concesión por incumprimento dos termos da mesma.
“Se o feito de estar pechado sempre foi un problema para A Ramallosa, nestes momentos amósase como imprescindible para a necesaria reactivación futura do comercio local, que precisará de todo o apoio institucional posible e, dende logo, dun correcto funcionamento dos servizos municipais. Dispoñer desas prazas inutilizadas xunto á piscina mancomunada contribuirá a minorar os problemas de mobilidade e conxestión do tránsito rodado no núcleo urbano de A Ramallosa, ao mesmo tempo que constitúe unha ferramenta fundamental para os establecementos da zona”, conclúe o nacionalista.

