A Escuadra Rías Baixas, como organizadora da 54ª edición do Rallye Recalvi Rías Baixas e con data de celebración prevista para os próximos días 29, 30 e 31 de maio, comunica que, dada a situación actual de estado de alarma e confinamento domiciliario debido á pandemia do virus Covid-19, vese abocada a aprazar a proba.
Actualmente a FGA (Federación Galega de Automobilismo) baralla tres posibles calendarios para o Campionato Galego de Rallyes 2020, dependendo de se o certame reinicia a súa marcha en xuño, xullo ou agosto.
En calquera caso, en todos os probables escenarios o Rallye Recavi Rías Baixas quedaría recolocado na fin de semana do 4 e 5 de setembro; data que encaixa perfectamente cos desexos desta escuadra organizadora, así como dos Concellos polos que pasará a carreira e quen, á súa vez, seguen mostrando o seu total apoio para a celebración da mesma.
A Escuadra Rías Baixas quere agradecer de antemán a comprensión de todos os afectados por unha situación que alterou o normal funcionamento do país e que, por suposto, tamén o está facendo de forma directa en eventos deportivos como este.
“Confiamos en que a normalidade volverá ás nosas vidas máis pronto que tarde. Ata ese momento a Escuadra só pode recomendar o estrito cumprimento dos consellos para evitar a propagación do virus. #quédateencasa”.

