A Axencia Tributaria xa devolveu ás galegas e os galegos case 57 millóns de euros

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, informou hoxe de que a Axencia Tributaria xa devolveu, no marco da campaña da Renda, 56.915 millóns de euros ás galegas e os galegos. Isto supón o pago de 69,44% das devolucións solicitadas no primeiros quince días da Renda 2019. Os case 57 millóns son un 44,96% máis que na primeira quincena do ano pasado.

En total, en Galicia solicitouse a devolución en 161.972 declaracións, das que 112.473 xa foron abonadas. As peticións suman 115.165 millóns de euros, cun 49,42% xa pagado ata sumar os citados 56.915 millóns de euros.

Javier Losada celebrou a “eficacia” da Axencia Tributaria neste momento. O notable aumento das cifras prodúcese “nun momento en que é fundamental que chegue liquidez á sociedade”, dixo. Espera que este feito “sirva para estimular o consumo no momento da reactivación da economía”.

Subliñou, ademais, que mañá os autónomos ingresarán as prestacións por cesamento de actividade, con preto de 800.000 persoas beneficiarias no conxunto do Estado. “O Goberno traballa en todas as frontes para non deixar a ninguén atrás”, comentou en referencia aos rescates sanitario, económico e social.

CAMPAÑA DA RENDA

A Axencia Tributaria xa devolveu no conxunto do Estado, a data de hoxe, 1.309 millóns de euros a 2.407.000 contribuíntes superadas as dúas primeiras semanas de campaña do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas correspondente a 2019 (IRPF 2019). Mantense así un forte incremento das devolucións con respecto ás mesmas datas do ano pasado, do 53% en número e do 50% en importe.

Este incremento está ligado ao forte crecemento do 34% rexistrado paralelamente nas presentacións. A estas alturas de campaña xa presentaron a súa declaración 1.061.000 contribuíntes máis que o ano pasado.

No contexto actual de emerxencia sanitaria, e tendo en conta que o 88% dos contribuíntes presentan as súas declaracións por internet, considerouse especialmente importante manter a data de inicio de campaña prevista (1 de abril), de maneira que os contribuíntes poidan ir recibindo canto antes as súas devolucións. Na presente campaña está previsto que se presenten 21.030.000 declaracións, un 1,6% máis que o ano anterior. Dese total, prevese que 14.565.000 dean dereito a devolución, case o 70% do total e un 0,5% máis que o ano anterior, por un importe estimado de 10.686 millóns de euros.

A axilización nas presentacións está a alcanzar tamén ás declaracións con resultado a ingresar, que crecen un 47%, superando xa as 469.000. Cabe lembrar que comezar a campaña o 1 de abril non supón un prexuízo para os contribuíntes con declaracións a ingresar. Prevese para toda a campaña un total de 5.515.000, o 3,1% máis, por importe de 12.798 millóns.

En canto ás vías de presentación, ademais da canle telemática principal, que é a páxina web da AEAT (www.agenciatributaria.es), os contribuíntes tamén están a axilizar a presentación a través da aplicación móbil da Axencia. Por esta vía presentáronse máis de 200.000 declaracións ata hoxe, un 23% máis que o ano pasado. Desa cifra total, máis de 177.000 correspóndense con presentacións “nun só clic” e o resto son contribuíntes aos que a aplicación derivou á web da Axencia para realizar algunha modificación e volveron á “app” para concluír a presentación.