Nigrán adquire 800 € en alimentación especial para os cans e gatos enfermos de Baisenpulgas

O Concello de Nigrán entregou esta semana á protectora de animais do Val Miñor “Baisenpulgas” alimentación por valor de 800 € para cubrir apropiadamente as necesidades básicas dos seus cans e gatos enfermos. O Concello atendeu así a demanda realizada en redes sociais por Baisenpulgas e adquiriu nunha clínica do municipio 90 kg de penso e 72 latas de comida húmida para garantir durante os vindeiros meses a dieta especial que precisan os seus 8 cans e 2 gatos con problemas crónicos (a maioría con enfermidades gastrointestinais ou renais).

“A crise sanitaria do Covid-19 tamén afecta á doazón de alimentos ás protectoras e, consecuentemente, aos seus animais, especialmente aos enfermos, porque deben seguir unha dieta especial que ten un custe adicional, tal e como explicou a protectora en redes sociais”, subliña o alcalde, Juan González, quen engade que a compra do Concello está precisamente destinada a estes animais enfermos.

2020-04-14 - BaisenPulgas1